DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os escritores e docentes Narciso de Gabriel e Susana Fortes estiveron este luns en Ourense

Vivir outras vidas, na realidade ou na ficción

A creación literaria e a historia dos personaxes das súas obras centraron as súas conferencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 14/05/2013

A tarde-noite do luns foi especialmente intensa no eido cultural na cidade de Ourense. Ás 20.00 h celebráronse no Ateneo e no Liceo sendas conferencias nas que varios escritores e docentes explicaron a vida dos personaxes verídicos ou de ficción das súas obras e como naceron do seu desexo de vivir outras vidas ou da indagación histórica. Narciso de Gabriel foi o encargado de falar das protagonistas do seu libro, Elisa e Marcela, dúas mulleres galegas que en 1901 se casaron pola Igrexa, unha disfrazada de home. Pola súa banda, Susana Fortes achegouse aos Encontros Literarios do Liceo para falar da creación literaria e de como as historias cobran vida.

O profesor Narciso de Gabriel ofreceu no Ateneo unha conferencia sobre o seu libro Elisa e Marcela: alén dos homes. A obra recolle a historia das mestras Elisa Sánchez e Marcela Gracia, que casaron na Igrexa de San Xurxo da Coruña o 8 de xuño de 1901 facéndose pasar a primeira por un home. A raíz deste acontecemento, as dúas viviron toda unha serie de peripecias froito do rexeitamento na época ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo. “A súa historia permítenos falar do hermafroditismo, do travestismo, do lesbianismo e do feminismo. E tamén nos permite destacar a importancia que tivo para a muller acadar a súa autonomía a través do traballo remunerado. Se Elisa e Marcela non fosen docentes non existiría a súa historia”, destacou Narciso de Gabriel. A apaixonante historia destas dúas mulleres, explicou, xa conta con guión de Isabel Coixet e agárdase que antes de rematar o ano se comece coa gravación da súa película.

Na pel doutros personaxes

Ao mesmo tempo que Narciso de Gabriel debullaba esta historia no Ateneo, os Encontros Literarios do Liceo, que a semana pasada contaron coa participación de Marica Campo, acollían unha conferencia da escritora Susana Fortes titulada Vivir outras vidas. Docente de Historia, esta escritora conta con algúns dos principais premios literarios españois, como o Premio Planeta ou o de Novos Narradores e algunhas das súas novelas teñen sido traducidas a diferentes idiomas, polo que a súa reflexión sobre a creación literaria atraeron a numeroso público ao Liceo ourensán. “Eu son unha escritora accidental, por riba de todo son lectora”, explicoulle aos asistentes Susana Fortes. Para a escritora, lector e escritor, lectura e escritura, son as dúas caras dunha mesma moeda e todo depende de que lado te queiras pór. “Eu de pequena non fantasiaba con ser escritora, non se me pasaba pola cabeza porque me parecía algo sedentario e pesado. Pero era unha lectora voraz e aí estivo a trampa”, recoñeceu a docente.

Este paso de lectora a escritora deu o seus froitos cunha dilatada traxectoria na que se inclúen novelas como El amante albanés, Fronteiras de area, Esperando a Robert Capa ou Querido Corto Maltés. Alén desta produción de ficción, é colaboradora en diversas revistas no eido do cine e da literatura. “Para min hai dous modelos de lector e de escritor. O que desde moi novo quere ser o autor dos libros que lee e o que desde novo quere ser os personaxes dos libros que lle apaixonan. Son dúas actitudes ante a vida e ante a literatura radicalmente diferentes. Eu identifícome coa segunda. Sempre vin na literatura a oportunidade de pórme na pel doutros personaxes, de vivir outras vidas”, afirmou a escritora.