DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade encárgase da valorización do patrimonio científico e etnográfico

Vocación de servizo público a prol da posta en valor do museo berciano de los Padres Paúles

O reitor asinou un convenio co concello de Villafranca, a asociación Burval e a congregación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/11/2010
Vertebrados e invertebrados, cunchas, fósiles, minerais, madeiras e pezas de arqueoloxía, conforman a colección do Museo de Ciencias Naturales y Etnográfico de los Padres Paúles de Villafranca del Bierzo. Con pezas que se remontan a finais do século XIX, chegadas na súa maior parte da man de misioneiros que regresaban de América e Asia, a colección sufriu durante anos os efectos da falta de mantemento e conservación que derivaron nun deterioro ao que hai uns meses comezou a poñérselle freo. O traballo conxunto de persoal científico da Universidade de Vigo e de voluntarios da Asociación Cultural Burval , coordinado pola profesora Josefina Garrido, fixo posible a recuperación e restauración dos fondos que só entre o mes de agosto e setembro recibiron a visita de máis de 1500 persoas.

“Trátase de poñer en valor un museo que ademais da súa importancia naturalista tamén ten un importante compoñente histórico”, asegura o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato que este venres asinou co concello de Villafranca del Bierzo, a Asociación Cultural Burval e a Congregación de la Misión Padres Paúles, un convenio que ten a finalidade de recuperar o Museo de Ciencias Naturales y Etnográfico de los Padres Paúles. Na sinatura do convenio que tivo lugar en Villafranca del Bierzo, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o alcalde de Villafranca del Bierzo, Agustín García Millán; o presidente de la Asociación Burval, José Alfredo Sandes e o superior da Congregación de los Padres Paúles de Villafranca, Manuel Blanco, coincidiron en sinalar a importancia de traballar en común para acadar a posta en valor dun parte do patrimonio berciano como é a colección que atesoura o museo. Para Salustiano Mato a participación da Universidade de Vigo nesta acción “é unha mostra máis da colaboración que mantemos con diferentes entidades. Somos unha institución con vocación pública que como tal debemos poñer o noso coñecemento ao servizo de quen o precisa”.

Un novo modelo museístico

A revisión do material e a preparación de todos os seus exemplares, ademais da súa catalogación e reetiquetado, son algunhas das accións posta en marcha dentro do plan de recuperación dos fondos do museo que tamén serán rexistrados nunha base de datos. “O proceso de posta en valor do museo contempla ademais unha evolución cara a un sistema máis interpretativo coa vista posta sobre todo no mundo educativo”, explica Salustiano Mato que destaca por exemplo a oportunidade que a colección de animais mariños ofrece a moitos visitantes de Villafranca e do seu entorno de entrar en contacto coas especies que habitan o mar.
O custo total do estudo e catalogación ascende a 90.673 euros e o concello de Villafranca del Bierzo será o encargado de buscar os fondos necesarios para o desenvolvemento do convenio, ata un importe de 35.673 euros.

Fortalecendo relacións co Bierzo

A lingua, a literatura e o folclore teñen sido ata o de agora os puntos de conexión entre a Universidade de Vigo e o Bierzo ata onde a institución viguesa tamén se achega na procura de novo alumnado. “Castela-León é unha rexión fronteiriza coa que reforzar relacións”, explica Salustiano Mato que asegura que a Universidade de Vigo ten a responsabilidade “de mirar para todos os lados”. Para o reitor o camiño que xuntos levan andada a comarca leonesa e a institución académica viguesa debe intensificarse coa posta en marcha de novas accións comúns que se insiren dentro dunha “clara política de cooperación local”.