DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Voces Erasmus póñenlle acento internacional á poesía de Álvarez Blázquez

Darío Xohán Cabana lembra a súa figura na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 12/05/2008
Entre as numerosas homenaxes que estes días se lle renden ao polifacético Xosé María Álvarez Blázquez, en poucas se escoitan as súas poesías en tantos acentos como na que se lle rendeu este luns na Facultade de Filoloxía e Tradución. Foi nun recital poético no que participaron estudantes Erasmus e galegos realizado ao abeiro dunha conferencia sobre a vida de Álvarez Blazquez impartida por Darío Xohán Cabana.
Presentado polo profesor Anxo Angueira, Darío Xohán Cabana, salientou a figura de Álvarez-Blazquez como un editor revolucionario en Galicia “que creou a primeira editorial comercial moderna capaz de lograr o éxito ao mesmo tempo que serviu á patria”.
O mellor exemplo deste carácter emprendedor e arriscado foi a edición nos anos sesenta do Catecismo do labrego de Lamas Carbajal, do que se editaron, nunha primeira edición, 3000 exemplares. Cando naqueles anos as edicións dos escasos libros que se publicaban en galego andaban polos cincocentos exemplares, “el chegou aos tres mil, unha aposta arriscada naquel momento, pero con tan boa fortuna que en poucos meses tivo que editar a segunda edición, e no ano seguinte catro máis, ata chegar a 20.000 exemplares en poucos anos”.
Outro bo exemplo do bo ollo editorial de Álvarez Blázquez foi a súa aposta pola poesía de Eduardo Pondal, “nun intre no que este autor só interesaba a catro intelectuais, el apostou pola súa obra e, en pouco tempo viron a luz 12.000 exemplares coas súas poesías”.

Un dos grandes do seu tempo

Xunto a este papel de editor, Darío Xohán Cabana non pasou por alto o resto de facetas de Álvarez-Blázquez, “un dos grandes escritores do seu tempo”. “Canle do segredo e Roseira do teu mencer permanecerán nas antoloxías mentres a lingua viva, pois son poesías que alcanzan o súmmum da calidade poética galega ”, comentaba.
Outra das obras lembradas no acto foi Escolma de poesía galega que, editada en catro volumes, converteuse “nunha biblia da literatura galega”. Nun intre no que apenas había libros en galego e no que a poesía medieval era practicamente descoñecida, esta edición permitiu dala coñecer, introducindo pezas inéditas, escritas durante os séculos escuros.

Lembranza a Xan Bouzada

Home vinculado sempre á loita política desde a esquerda nacionalista, Darío Xohán Cabana, dedicou as súas primeiras verbas na Facultade de Filoloxía e Tradución a lembrar a Xan Bouzada, profesor desta Universidade recentemente falecido e amigo persoal do poñente. “Persoa que encheu de luz ao noso pais”, foron algunhas das sentidas verbas coas que ser referiu a el.