DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de apertura do curso 2011-2012 do Programa de Maiores da Universidade de Vigo

As voces da experiencia volven ás aulas

A partir de novembro, o alumnado comezará a publicar a revista 'Digital Seniors Universitaria' para

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 11/10/2011

O saber non ocupa lugar nin é cuestión de idade e senón que llo digan aos máis de 180 alumnos e alumnas do Programa de Maiores do campus de Vigo, que este martes celebraron o acto de apertura do curso 2011-2012. Se por algo se pode caracterizar esta “volta ao cole” dos maiores de 55 anos é polo entusiasmo e ganas coas que comezan as clases. Tanto é así que Luis Molist, con 88 anos e alumno máis veterano do programa, confesou que o único problema que ten “é que remato o último curso do Graduado Superior Senior este ano e xa non vou poder volver”.

O acto inaugural foi presidido polo director da Escola Universitaria de Estudos Empresarias, Patricio Sánchez, que presentou a Alejandro Otero, presidente da Asociación de Aulas de Formación Aberta da Universidade de Vigo. Otero aproveitou o evento para anunciar que no vindeiro mes o alumnado presentará a revista Digital Seniors Universitaria, “un medio de expresión para comunicar coñecementos e experiencias e, deste xeito, abrirse ao resto da Universidade e á sociedade en xeral” . Lucía Morales, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, tamén lle deu a benvida ao estudantado veterano destacando por riba de todo o seu espírito de entrega, “persoas con iniciativa e ganas de mellorar e superarse, o que inspira un gran respecto”.

Fonte de coñecemento e de amizade

Nas aulas do Programa de Maiores xúntanse persoas que tiveron a oportunidade de ir con anterioridade á Universidade “con outras que entran en contacto con ela por primeira vez". Este é o caso de Sagrario Nieto, estudante de 5º curso, a quen non lle importa “coller o Vitrasa ás mañás para ir ao cima”. Recoñeceu que esta nova experiencia lle "deu a vida e permíteme facer cousas que nunca pensei que ía facer con esta idade, como participar no coro da Universidade”. O máis veterano, Luis Molist, comentou que sempre quixo estudar, “pero de neno non puiden por culpa da Guerra Civil”. Igualmente, xente que xa gozara da experiencia universitaria con anterioridade tamén se anima a inscribirse no Programa de Maiores, como Pepe Castro, industrial, e Manuel Quiroga, xornalista xubilado do Faro de Vigo, que decidiron asistir polo carácter multidisciplinar do programa, “para aumentar o noso coñecemento sobre arte, bioloxía, literatura, economía…”

Pero por riba do saber acumulado atópase a vertente social e “a posibilidade de coñecer xente da mesma idade e coas mesmas inquietudes”, fomentando valores como a amizade, o compañeirismo, a participación e a vontade de axuda. Todo o alumnado fai un balance moi positivo desta experiencia e animan a todos os seus semellantes a que se unan; “eu cheguei para probar unha semana e xa levo tres anos”, confesaba María Carmen Vázquez.

A lección inaugural do curso académico 2011-2012, acto no que tamén estivo presente Juan Pou, director da Escola de Enxeñería Industrial e José Fariña, coordinador do Programa de Maiores, foi impartida por Xesús Alonso Montero, membro da Real Academia Galega e do Consello de Cultura Galega. Durante a súa intervención recoñeceu sentirse “engaiolado” polos desexos de saber deste alumnado veterano, “unha experiencia totalmente nova para min, a pesar da familiaridade que teño co mapa educativo” . No mesmo acto, a alumna de quinto curso de Bioloxía, María Jesús Garcés, deu lectura ao limiar de unha presentación científica escrita en 1955 por Antón Beiras García sobre a necesidade de utilizar o galego nos novos procesos tecnolóxicos e científicos.