DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca Central organizou en CCSS e da Comunicación un acto conmemorativo do Día das Letras Gal

Voces, sons e verbas para honrar a Casares

A actividade contou coa estrea do grupo de música tradicional do campus e coa participación do coro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 09/05/2017

Música para Casares é o título da actividade coa que a Biblioteca Central do campus quixo festexar este martes, de xeito adiantado, o Días das Letras Galegas e render homenaxe a Carlos Casares. E a música foi a grande protagonista da conmemoración levada a cabo ás portas de Ciencias Sociais e da Comunicación, grazas ás actuacións do coro e do grupo de música tradicional do campus, que se estreaba nesta actividade. Mais na celebración tampouco faltaron as verbas e as letras de Casares, grazas ás intervencións de oito alumnas do grao en Educación Primaria, que deron lectura a diferentes textos do escritor.

“O obxectivo desta actividade é celebrar o Día das Letras e facelo unindo esforzos, sumando iniciativas para facer unha festa común”, salienta o técnico da biblioteca Héctor Castro, dunha conmemoración que serve ademais como prólogo á Resaca das Letras, que CCSS e da Comunicación celebra este mércores, e que se ve complementada por unha mostra bibliográfica na biblioteca. O decano da facultade, Xosé Baamonde, foi o encargado de abrir esta celebración lembrando que “para que a marca Galicia sexa recoñecida no mundo” é preciso darlle valor a un idioma “que é responsabilidade de todos e de todas conservar”.

Dúas formacións nacidas no campus suman forzas

Xunto con Casares, a música tradicional galega foi a grande protagonista do acto. En primeiro termo, coa primeira actuación dun grupo nacido do Obradoiro de interpretación de instrumentos populares galegos. O seu director, o PAS, Luís Torres, e o seu profesor, José Luis Sánchez Bolón, son de feito dous dos integrantes dunha formación que reúne tanto profesorado e persoal do campus, como a estudantes e persoas alleas á comunidade universitaria. Colectivos tamén representados no coro que dirixe Marco Lucato, segundo protagonista musical dun acto que se pechou coa actuación conxunta das dúas formacións e no que a música se viu completada pola lectura de extractos de obras como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas ou Vento Ferido, nunha serie de intervencións que, como apunta o profesor Benigno F. Salgado, representaban os diferentes campos literarios que abordou Casares, desde o teatro ao relato, pasando pola poesía, a tradución ou os artigos.