DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asinaron coa Universidade cadanseu convenio de colaboración

Vodafone e Altia renovan a súa aposta por Vigo como centro neurálxico do sector TIC

Situadas na Cidade Tecnolóxica, suporán novas oportunidades laborais para os titulados

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 15/04/2011
“Este convenio vén a renovar a colaboración da Universidade con Vodafone e incorpora a Altia como parceiro nunha clara aposta por Galicia, e por Vigo en concreto, no eido das TIC”, así resumiu o reitor, Salustiano Mato o contido de cadanseu convenio de colaboración con Altia, compañía de servizos TIC, e Vodafone España, asinados este venres e que sitúan á universidade viguesa como un parceiro ideal para aquelas empresas que teñen como eixe fundamental de actividade as tecnoloxías da información e das comunicacións.

“Para a Universidade, máis aló da localización física destas empresas na Cidade Tecnolóxica, esta colaboración ten beneficios intanxibles, xa que abre as portas aos nosos egresados no mundo das telecomunicacións e a cooperar cos nosos grupos de investigación”, salientou no acto de sinatura o reitor, que estivo acompañado polo presidente de Altia, Constantino Fernández, e o director de Sistemas de Información de Vodafone España, Juan José Riveiro.

Vodafone

O acordo asinado permitirá a Vodafone España definir e impulsar o portfolio de servizos, así como o desenvolvemento de servizos integrados que aunan os conceptos de mobilidade, converxencia fixo móbil e Cloud Computing. Así mesmo, crearase un novo centro de procesamento de datos, que será xestionado por Altia, e que, a xuízo de Vodafone, representa “unha vez máis” a aposta da empresa pola innovación na cidade de Vigo.

“Este convenio ratifica a nosa aposta pola innovación e por iniciativas de mellora da produtividade e os novos servizos, e consideramos á Universidade como un caldo de cultivo ideal para o desenvolvemento de ideas e talento”, sobre todo no referido aos servizos en rede e ao cloud computing, explicou o representante de Vodafone.

Altia

Ademáis, en virtude do acordo asinado con Altia creará un programa de bolsas destinado aos estudantes da Universidade que terá como obxectivo achegar a empresa á institución académica e dotar de formación práctica aos estudantes, de modo que a súa formación se complemente coa súa incorporación como bolseiros en calquera dos centros de traballo da empresa. “Estamos convencidos de poder converternos en xeradores de emprego para os titulados da Universidade viguesa e en estreitar lazos en proxectos de investigación punteiros”, apuntou Fernández, que explicou que Altia colaborará en charlas, foros ou seminarios organizados pola institución académica viguesa, así como outras actividades de promoción relacionadas co eido das TIC.