DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase ‘Transcursos I’ na Sala X con Rut Massó e Salvador Cidrás

De volta ao fogar que os viu nacer como artistas

Alumnos da primeira promoción de Belas Artes mostran a súa evolución profesional a través das súas o

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 09/02/2012

Abandonaron a Facultade de Belas Artes hai case 20 anos para cumprir o soño de converterse en artistas de renome. Volven “á casa” cun percorrido profesional xa consolidado grazas á exposición Transcursos I, inaugurada este xoves na Sala X. Mar Caldas, comisaria da mostra, convidou a dous alumnos da primeira promoción, os artistas Rut Massó e Salvador Cidrás, que comezaron a súa andaina a principios dos anos 90. “Trátase de traer de volta ao centro a artistas que se formaron aquí e que teñen unha destacable traxectoria profesional, achegando ao espectador o percorrido artístico tanto de Massó como de Cidrás”, explicou Mar Caldas.

A vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, salientou na inauguración a importancia de revisar e recoñecer as traxectorias de profesionais “que medraron baixo o amparo da Universidade de Vigo”, comentou. Para Caldas, a Facultade de Belas Artes ten a traxectoria suficiente para botar unha ollada retrospectiva sobre o traballo desenvolvido. “É como facer un balance e, á vista dos traballos de Cidrás e Massó, un balance cun resultado moi positivo”, engadiu. Pola súa banda, tanto Rut Massó como Salvador Cidrás agradeceron a invitación e destacaron o labor formativo da Sala X, que axuda aos alumnos a formarse e a achegarse á realidade profesional dende o comezo.

Dilatada carreira

A Sala X convidou a estes dous artistas pola súa dilatada experiencia profesional en Galicia, no resto do estado español e no estranxeiro. “Massó e Cidrás contan cunha obra sólida e continuada, cun proxecto artístico importante que, sen dúbida, ten influído no subconsciente de xeracións futuras”, apuntou a comisaria, sinalando ademais que a mostra é unha especie de pago a unha débeda de recoñecemento dende a contorna académica na que se formaron. “É motivo de orgullo para a facultade ter formado a artistas que acadaron tan altos niveis de calidade”, admitiu Caldas.

Unha ponte que une os dous estilos

Nun primeiro termo a sala ten habilitada unha zona de documentación con catálogos, tarxetas e carteis de exposicións pasadas dos artistas co fin de que o espectador poida explorar máis polo miúdo as súas traxectorias. A continuación atópanse as súas obras co deseño dunha ponte ou zona de transición que serve de unión entre os dous estilos. A comisaria destacou a estreita colaboración entre os dous artistas dende o inicio do proxecto “traballando xuntos ata no máis mínimo detalle”.

Salvador Cidrás decidiu transformar por completo o espazo da Sala X deseñando para a ocasión unha instalación na que vídeos e imaxes bidimensionais se mesturan cun fondo poboado de iconografía empregada polo artista na última década. Nesta obra percíbese a importancia que lle dá ao espazo, tanto na súa forma de traballalo, transformalo e de incorporalo á creación.

A proposta de Rut Massó componse de lenzos e debuxos creados dende 2006 que achegan ao espectador a dous aspectos característicos da súa obra, o retrato e a paisaxe, entendendo a esta última como un elemento que define a identidade do suxeito. Igual que na obra de Cidrás, Massó tamén trata o tema do espazo, por unha banda, como profundidade espacial característica dos seus cadros, e por outra banda, como distribución espacial dos retratos colgados.

Transcursos I, que se poderá visitar de balde ata o vindeiro 16 de marzo, nace cunha vocación de continuidade. “Temos a intención de seguir rastreando o percorrido profesional doutros artistas formados na facultade”, adiantou Caldas. Así mesmo, esta mostra tamén contén unha mensaxe de esperanza para os futuros artistas ao poder comprobar “que con esforzo, persistencia e autoesixencia poderán desenvolver a súa carreira artística”.