DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aproba un regulamento axustado á normativa da Xunta

Voluntariado adecuado á lei autonómica

Esther de Blas é nomeada delegada na Escola de Enfermaría de Ourense

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/09/2011

A adecuación do regulamento de voluntariado á lei autonómica do ano 2000, foi unha das cuestións aprobadas na primeira sesión ordinaria de Consello de Goberno do curso 2011-2012 celebrado este xoves. Na sesión na que tamén se deu luz verde ao nomeamento de Esther de Blas como delegada da Universidade na Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, o reitor, Salustiano Mato, informou aos membros do Consello de Goberno da designación de Ernesto Pedrosa como presidente do Consello Social e a de Xosé Antón Vila, como director do CITI de Ourense.

Os membros do Consello de Goberno tamén aprobaron por unanimidade modificacións puntuais nas tarifas do CACTI, así como as de ECIMAT e CITI que por primeira vez desde a súa creación facturarán polos servizos prestados. Na quenda de rogos e preguntas en resposta ao requerimento do Nova Universidade sobre a reordenación de funcións asignadas con anterioridade á Vicerreitoría de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, o reitor expresou o seu respecto pola decisión da vicerreitora de xubilarse e defendeu o novo modelo adoptado para “mellorar a gobernanza, a descentralización e o aforro”.

Voluntarios consonte á lei

O exercicio de xeito altruísta e solidario de actividades a favor dos demais ou de interese colectivo, conta desde o ano 2000 en Galicia cunha lei que o regula, unha norma á que partir de hoxe adecúase o regulamento de voluntariado da Universidade de Vigo. Ademais de determinar dereitos e deberes e normas de funcionamento da actividade dos voluntarios e voluntarias, o regulamento fixa segundo explicou o vicerreitor de Extensión, Xosé Henrique Costas, un total de 10 horas semanais, como tope por persoa para desenvolver a súa actividade . “O regulamento permite establecer un control do voluntariado que evite prácticas fraudulentas”, explicou Xosé Henrique Costas.
O número máximo de persoas voluntarias por curso será de 150, unha cifra que Costas animou a PAS, alumnado e profesorado a acadar, ao tempo que puxo á facultade de Belas Artes como exemplo a seguir polo seu elevado número de voluntarios e voluntarias.

Nova delegada para a Escola de Enfermaría de Ourense

A profesora do departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, Esther de Blas Varela, será a nova delegada da Universidade de Vigo na Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense despois que a súa proposta de nomeamento fose aprobada por unanimidade polos membros do Consello de Goberno. Aínda que desde as filas de Nova Universidade, Armando Caballero, reclamou un perfil máis axustado ás ciencias da saúde, a vicerreitora de Organización Académica, Margarita Estévez, primeiro e o reitor Salustiano Mato a continuación, defenderon o nomeamento de De Blas pola súa vinculación ao campus de Ourense e tamén por dispor da suficiente folgura académica para poder desempeñar o cargo.
A confirmación da nova delegada da Escola de Enfermaría non foi o único nomeamento do que se deu conta na sesión na que o reitor tamén informou da designación de Ernesto Pedrosa como novo presidente do Consello Social e a de Xosé Antón Vila como director do CITI.

Novas tarifas nos centros de investigación e desestimación de recurso

Na sesión aprobouse por unanimidade a modificación puntual das tarifas do CACTI e tamén, e por primeira vez, das de ECIMAT e CITI que a partir de agora facturarán polos servizos que prestan a usuarios da Universidade, aos de outros centros públicos de investigación e a empresas ou centros de investigación privados.

Por outra banda a desestimación do recurso de alzada contra o acordo do consello de departamento de Lingua Española sobra a aprobación do POD do curso 2011/2012 no que se solicitaba a incorporación de docentes da lista de agarda en lugar da continuidade de dous docentes asociados, xerou un debate entre os membros do Consello sobre a necesidade de contar cunha normativa clara sobre os asociados,así como a imposibilidade de considerar as listas de agarda como perfís profesionais.

Rogos e preguntas

Na quenda de rogos e preguntas a necesidade de definir un modelo de gobernanza interna centrou as intervencións do líder de Nova Universidade, Jaime Cabeza e do reitor Salustiano Mato. Ao requerimento de Cabeza de que se faga unha reflexión para desenvolver "un axeitado proceso de reforma que conduza a un novo modelo organizativo", Mato confirmou que será a partir do 3 de novembro, cando se celebre o derradeiro Consejo de Universidades da presente lexislatura, cando se poida iniciar o proceso para definir un modelo de gobernanza interna “un debate ao que lle temos ganas e co que podemos disfrutar”, dixo o reitor.

En relación coa integración das escolas de enfermaría na Universidade, o reitor confirmou a existencia dunha petición formal neste sentido por parte dos executivos autonómico e provincial e que neste intre se está a realizar un estudo de situación que avalíe como é posible levar este proceso a cabo de xeito serio.