DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na IV Carreira Popular Pinga Pinga e no II Torneo Internacional Junior de tenis e na media maratón S

Voluntarios da Facultade de Fisioterapia atenden ducias de deportistas nunha semana

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 15/10/2013
A IV Carreira Popular Pinga Pinga, o II Torneo Internacional Junior de Tenis e a Medio Maratón Serviocio son tres dos acontecementos deportivos nos que xa tiveron, teñen ou terán a oportunidade de participar os integrantes da Unidade de Voluntariado da Facultade de Fisioterapia. O pasado sábado 12 de outubro, oito estudantes de 3º e 4º curso achegáronse ata a parroquia de Santomé en Marín para atender a 50 dos máis de 400 deportistas que este ano participaron na última edición do Pinga Pinga. Dende comezos desta semana, son 24 os alumnos e alumnas do grao os que están a atender aos máis de 120 tenistas de 20 países que compiten en Pontevedra por un título mundial e serán outros tantos os que o vindeiro domingo 20 de outubro colaboren na medio maratón que se organiza tamén na cidade.

Diego Soliño e Ángela Abal son dous alumnos do 3º curso do Grao en Fisioterapia que esta pasada fin de semana decidiron prescindir dunha parte do seu tempo libre para acudir á IV Carreira Popular Pinga Pinga. Mais, esta non é a primeira vez que colaboraran coa Unidade xa que hai tan só un par de semanas achegáronse ata Vigo para “botar unha man” no Desafío Illas Cíes. Para Soliño, a xornada do sábado foi dura pero o resultado final mereceu a pena, “participar en actividades coma esta permíteme adquirir experiencia práctica e interactuar con pacientes reais”. O trato coa xente, “que sempre se amosa moi agradecida”, e o bo ambiente que se crea entre os compañeiros e compañeiras explica, en boa medida, o éxito deste tipo de colaboracións destaca Ángela Abal. Para esta alumna, formar parte do equipo que coordina o profesor Pazos e acudir aos eventos deportivos “é o xeito de confirmar que isto é realmente o meu, que nacín para ser fisioterapeuta”.

Así de segura se amosaba tamén Jennifer Rodríguez que agradeceu o respecto e a confianza das persoas que acudían ao posto da Unidade de Voluntariado. Para Rodríguez, alumna do 3º curso, esta foi a súa primeira colaboración, unha experiencia que pareceu agradarlle moito xa que o vindeiro domingo estará na Medio Maratón, aínda que recoñece que nun primeiro momento “ía cun chisquiño de medo, pero pouco a pouco vaste dando conta de que si es quen de facer o teu traballo”. O apoio dos coordinadores de grupo, neste caso de Joana González, ex alumna da Facultade de Fisioterapia, é determinante en momentos coma este, asegura o profesor José Manuel Pazos.

Toda a semana no Parque Deportivo de Mourente

Co obxecto de familiarizarse coa realidade da profesión e tamén de mellorar o seu inglés e francés, acudiu este luns Javier Harguindey ao Parque Deportivo de Mourente do Casino Mercantil e Industrial para atender aos participantes do II Torneo Internacional Junior de Tenis. Para o estudante, tamén de 3º curso, esta colaboración é a súa primeira toma de contacto tanto coa Unidade de Voluntariado coma cun paciente real. “Non é que tivese medo, pero si un sentimento de responsabilidade, non quería facerlle mal a ninguén aumentando unha lesión”, explica o mozo. Para evitar cousas coma esta e tamén para asesoralos e guialos estaban nas inmediacións os coordinadores de grupo Daniel Fajardo e Iria da Cuña. Con todo, a maioría dos tratamentos que se están a realizar son descargas musculares e pequenas lesións nos cóbados polo que non teñen maior dificultade, salienta Fajardo. É moi probable que conforme avance a semana tamén incremente o número de consultas e a intensidade das lesións dos tenistas, “son rapaces e rapazas novos e polo de agora aínda están frescos”, subliñou.