DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As proxeccións terán lugar no CineBox de Ourense ao longo do mes se xuño

Volve o ciclo “Estreas en versión orixinal 3”, dedicado desta volta ao cinema social

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 03/06/2008

Tralo éxito das proxeccións en versión orixinal que o CineBox de Ourense organizou en colaboración co Cineclube Padre Feijoo e co apoio da Vicerreitoría do campus nos meses de novembro e xaneiro, volve á cidade o ciclo cinematográfico Estreas en versión orixinal na que xa é a súa terceira edición. Nesta ocasión, todos os filmes que se emitiran no mes de xuño enmárcanse dentro do chamado cinema social.
As películas comezarán a proxectarse o mércores 4 coa primeira delas, All the invisible children, feita en apoio das actividades da ONG Unicef e na que se reúnen varios dos directores máis recoñecidos a nivel internacional para retratar as historias de loita e adversidade de sete nenos anónimos arredor do mundo.
O ciclo continuará o seguinte mércores, 11 de xuño, con This is England, que retrata a vida dun neno de barrio na Inglaterra dos 80 que ten que madurar a marchas forzadas tras integrarse nos cabezas rapadas locais.
Xa para finalizar, o 18 de xuño chegará ás pantallas It´s a free world, na que unha moza explora o mercado laboral globalizado dende a súa cara menos amable: a do traballo temporal para emigrantes.
Todos os pases terán lugar no CineBox do centro comercial Ponte Vella ás 20:30 e ás 23.00 horas cun custo de catro euros por entrada, que se reducirán a tres no caso de ter o carné universitario.