DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Gabinete Psicopedagóxico do campus

Volve o programa "RelaXoves" para loitar contra o estrés

Técnicas de relaxación contra a ansiedade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 15/06/2009

O final do curso é o período de maior estrés para os estudantes universitarios. Dores de cabeza, de estómago e musculares son habitualmente reflexo da ansiedade acumulada ao longo destes días. Co obxectivo de mellorar as estratexias para afrontar situacións de estrés e a aprendizaxe de técnicas de relaxación e autocontrol, volve por segundo ano consecutivo o programa RelaXoves: Xoves de relax, organizado polo Gabinete Psicopedagóxico do campus e que conta coa colaboración da Vicerreitoría e da Concellaría de Termalismo da Tenencia de Alcaldía de Ourense.
“A resposta dos alumnos o ano pasado foi moi positiva”, comenta Angélica Ferro, responsable do gabinete; aínda que a meteoroloxía xogou en contra dos seus plans e varios xoves de relaxación tiveron que ser suspendidos. Nesta ocasión, están previstas dúas xornadas, o 25 de xuño e o 2 de xullo. “Atrasamos as datas de realización da actividade porque o ano pasado varios alumnos comentaron que ao facelo en plena época de exames non tiñan moito tempo para asistir”, de todos os xeitos, para aprender técnicas de control do estrés, “calquera momento é bo e moito mellor se eles están desafogados”.
A actividade, de carácter gratuíto, realizarase nas Termas de Outariz en horario de 18 a 21 horas aproximadamente. O punto de encontro será no Gabinete Psicopedagóxico e o transporte ata o lugar da sesión de relaxación farase mediante o Tren Termal.
Esta época do ano é cando o gabinete recibe o maior número de visitas, “daqueles que están en período de exames e tamén das persoas que rematan este ano a carreira e non saben se seguir estudando ou lanzarse ao mercado laboral”, explica Ferro, por iso tamén é o mellor momento para aprender a relaxarse e desfacerse do estrés.

Autocoñecemento, relaxación e control da ansiedade

Os centros de interese da actividade xirarán “ao redor do control do estrés e a ansiedade” para afrontar situacións concretas, como poden ser os exames, e xeralizar o uso destas estratexias a outros contextos da vida cotiá do alumnado nos que tamén poidan sentir ansiedade. Por outra banda, esta actividade tamén pretende dar a coñecer os recursos termais e de promoción da saúde que ofrece a propia cidade e ofrecer “un novo modelo de autocoidado e control persoal que contribúa ao éxito académico e persoal”.
O programa desenvolverase “a través do autocoñecemento e a valoración das propias posibilidades ante os exames ou outras situacións similares”; así mesmo farase unha introdución ás principais técnicas de relaxación e control da ansiedade, como poden ser a respiración, a masaxe ou exercicios de estiramentos, “por parellas e individualmente”.
Ao remate do RelaXoves, os alumnos poderán seguir de forma indefinida en contacto co gabinete de xeito gratuíto e confidencial, de cara a afianzar as aprendizaxes adquiridas e asegurar o éxito das mesmas.

Máis información

Os alumnos que desexen participar nos RelaXoves poderán inscribirse na actividade enviando un mail no que indiquen os seus datos persoais, a titulación de procedencia, a data na que desexan participar e un teléfono de contacto ao seguinte enderezo: psicogabinete@uvigo.es.
En función do número de inscritos estableceranse as quendas de participación, para o día 25 ou o 2, dividíndoos en grupos. A distribución das prazas realizarase seguindo a orde de inscrición.
Todos os participantes no programa recibirán unha toalla como agasallo para utilizar na propia actividade. Ademais de traxe de baño, tamén é preciso levar roupa cómoda e flexible, xa que antes de pasar ás termas realizarse exercicios de estiramento.