DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Volven os cursos gratuítos de iniciación ao surf

Este martes remata o prazo para inscribirse nesta actividade do Servizo de Deportes

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 19/10/2009

De xeito totalmente gratuíto, os membros da comunidade universitaria amantes do mar e do deporte, teñen este martes a última oportunidade para anotarse ao curso de iniciación ao surf que como cada ano organiza o Servizo de Deportes en colaboración coa escola Prado Surf e a Federación Galega de Surf.
Despois da exitosa acollida da pasada edición celebrada no mes de febreiro, volve pórse en marcha unha iniciativa coa que estudantes, profesores e persoal de administración e servizos da Universidade se achegarán na fin de semana do 24 e 25 de outubro e o domingo 30 de novembro a praia de Patos en Nigrán para gozar dun deporte que cada día ten máis adeptos na nosa comunidade.

Bautismo de mar e test de material

Se o primeiro día está reservado para os estudantes Erasmus, as dúas xornadas restantes realizarase o bautismo de mar e o test de material, estando os inscritos divididos en catro grupos, con dúas horas de clase cada un.
A inscrición inclúe a licenza federativa mensual, o seguro de responsabilidade civil e accidentes, a táboa de surf, o neopreno e a licra. O bautismo de mar comprende dúas horas de clases teórico-prácticas, en nivel de iniciación para adquirir coñecementos básicos, mentres que o test consiste no asesoramento técnico para probar o material máis adecuado ao nivel e condicións das ondas (táboas de surf e bodyboard). A docencia, que será impartida por técnicos titulados da Federación Galega de Surf, comprende unha explicación dos obxectivos, das instalacións, do material e das normas de seguridade na auga para, a continuación, realizar unha serie de exercicios de quecemento muscular. Neste punto, os alumnos e alumnas xa estarán preparados para entrar na auga a realizar a práctica de remada, a toma de ondas deitados e, finalmente, a práctica do stand up.
A data límite de inscrición é este martes 20 de outubro nos servizos de deportes dos tres campus da Universidade.