DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo para inscribirse nos cursos do primeiro cuadrimestre está aberto ata o 7 de outubro

Volven os obradoiros do campus, con xeroglíficos exipcios e cociña para emancipados

Poden inscribirse membros da comunidade universitaria e de fóra dela

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 03/10/2011
Teatro, gaita galega, malabares, risoterapia, argumentación en debates, escritura xeroglífica e así ata 17 propostas de temáticas moi diversas son as que compoñen este cuadrimestre a programación de obradoiros do campus de Ourense. Para a comunidade universitaria e para os cidadáns en xeral, a Universidade de Vigo dispón unha ampla oferta formativa complementaria e de lecer na que se mesturan obradoiros que xa son tradicionais cada curso con novas ou actualizadas propostas.

O prazo para inscribirse nos obradoiros, organizados pola Vicerreitoría do Campus coa colaboración da Deputación de Ourense, abriuse o pasado día 26 de setembro e permanecerá aberto ata o 7 de outubro. Sobre a programación que ofrece, Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense, salienta a súa variedade e calidade. Coma cada edición, nela o teatro será un dos grandes protagonistas, coa celebración das aulas de teatro Rosaura, Cordelia e Maricastaña a cargo do grupo Sarabela Teatro. Como aliciente, ademais de mellorar a súa técnica teatral, os inscritos terán a oportunidade de actuar na Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense MITEU. Ademais, este ano haberá un cuarto obradoiro de teatro, Grupo Gepetto, de xogo teatral na escola e cuxo resultados se poderán ver na MOTI, na Mostra de Teatro Infantil de Ourense.

Os que tamén terán que desfacerse de calquera vergoña de expresarse en público serán as persoas que se apunten ao taller Como argumentar con éxito en debates, un obradoiro ofrecido polo profesor da Facultade de Dereito Pablo Bonorino que amosará como mellorar as aptitudes argumentativas e usalas con éxito no marco dun debate, entendendo debate como unha ferramenta para aumentar o coñecemento e un fundamento da vida pública.

Risoterapia e bos argumentos

Para aprender a ver as cousas desde unha óptica positiva e sacar o máximo proveito á vida, haberá un taller de risoterapia. Tamén para gozar con humor, a programación inclúe un obradoiro de equilibro e malabares e outro de contacontos. Neles, os asistentes, alén de achegarse a estas técnicas, afondarán especialmente no seu uso no ámbito educativo. Os que prefiran a música terán o seu espazo nun taller formativo de gaita galega e música tradicional, impartido pro Gonzalo Abelairas, e noutro de interpretación de audicións musicais, no que se fará un percorrido polos diferentes compositores e estilos, desde o clásico ata o contemporáneo.

Unha das propostas máis orixinais da programación deste cuadrimestre no campus de Ourense é un obradoiro titulado As claves do xeroglífico. Introdución á escritura dos faraóns. Impartido por Mª Eugenia Muñoz, os inscritos achegaranse ás bases da cultura exipcia co desciframento de sinxelos textos en xeroglífico. Tamén orixinal é a proposta dun obradoiro de cociña para emancipados no que se ofrecerá aos asistentes nocións básicas de cociña e do uso dos seus instrumentos, co obxectivo último de aprender a facer pratos saudables, rápidos e económicos.

Para completar o programa, nesta edición tamén se celebrará o obradoiro Kit de supervivencia para estudantes, no que, especialmente o alumnado de primeiro curso, aprenderá a enfrontar mellor no ámbito persoal e académico a súa entrada na universidade. Formación en supervivencia, técnicas de escalada e rappel, Linux e prevención de riscos laborais completan unha programación do campus cuxos prezos oscilan entre os 40 e os 20 euros dependendo do tipo de público.