DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo feminino de tenis ven de revalidar o título no Campionato Galego

Volver á 2ª categoría, próximo obxectivo do CD Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/05/2009

Patricia Vilas, Andrea Retolaza, Raquel Guede, Julia Carballal e María López, son as integrantes do C.D. Universidade de Vigo que lograron revalidar o título de campioas galegas de tenis por equipos de 1ª categoría. Nos Campionatos Galegos celebrados a pasada fin de semana no Club de Tenis de Pontevedra o equipo universitario que dirixen Jorge e Joaquín Comesaña, xogou a primeira eliminatoria co CCD Sanxenxo ao que venceu por 5 a 0. Na segunda semifinal as tenistas viguesas eliminaron ao CT Coruña por 4 a 0 e pasaron á final na que venceron polo mesmo resultado ao CT O Rial de Vilagarcía.
“Revalidar o título de campioas galegas por equipos era moi importante para nós”, sinala Joaquín Comesaña que aínda que recoñece que o Universidade era o favorito “sempre poder ter complicacións como de feito pasou co CT Coruña”. O equipo vigués que esta tempada incorporou a Patricia Vilas, campioa galega junior e a Andrea Retolaza, subcampioa galega infantil, convértese ao revalidar o título na referencia do tenis feminino por equipos en Galicia, algo que é posible, segundo Joaquín Comesaña “por varias razóns como son: un bo grupo humano, unha número 1 que soporta moi ben a presión e a posibilidade que lle ofrecemos ás xogadoras de xogar o Campionato de España, algo que ninguén ofrece”.

Coa vista posta no Campionato de España

Cumprido o primeiro dos dous obxectivos que o equipo se fixara ao inicio da tempada, queda agora o segundo deles: volver á 2º categoría no Campionato de España que se celebrará entre outubro e novembro. “Aínda que o factor campo inflúe moito, teño total confianza en que imos subir”, asegura Joaquín Comesaña que destaca o mérito das xogadoras que compatibilizan os seus estudos co deporte, “algo que non é doado cando por exemplo tes que te presentar á Selectividade, como lle ocorre a unha das nas mozas”.
Ata a celebración do Campionato de España, o CD Universidade de Vigo , non volverá a competir como equipo, aínda que as súas xogadoras continuarán adestrando e participando en competicións individuais.
O equipo de tenis da Universidade de Vigo intégrano na actualidade 15 xogadoras, estudantes de ESO e da Universidade e tamén algunha futura doutora cinco das cales pertencen ao equipo A e as restantes ao B.