DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como explicou Arturo Casado na primeira xornada do XI Congreso Internacional de Ciencias do Deporte

A vontade de saír da pobreza é un dos factores que explican o éxito dos atletas kenyanos

José Ramón Lete alertou de que o sedentarismo está vinculado a preto do 60% das mortes no mundo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 07/05/2015

Máis aló de factores xenéticos ou biomecánicos, as desigualdades sociais poderían considerarse un dos factores polos que Kenya é berce de milleiros de atletas. Para moitos, o atletismo é a única vía de saída da pobreza, o que o que motiva “que adestren mañá e tarde” para poder competir ao máis alto nivel, “por motivos económicos, lonxe da paixón polo deporte ou do romanticismo dos países desenvolvidos”, como apuntou o investigador e atleta Arturo Casado nas XI Xornadas Internacionais de Ciencias do Deporte e a Educación Física. Afondar nesta e noutras moitas investigacións vinculadas ás múltiples dimensións da actividade física é precisamente o eixo do congreso inaugurado este xoves no Pazo da Cultura e que organizan a Vicerreitoría do campus, o Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra e asociación Sportis Formación Deportiva.

Promover a “actualización e reciclaxe dos coñecementos” de titulados e profesionais, nunha área na que os avances son constantes e na que “a formación non entende de límites” é o propósito central dun congreso que neste 2015 alcanza a súa décimo primeira edición, como salientou na súa inauguración o director xeral do comité organizador, Víctor Arufe. De aí que áreas como a saúde, o rendemento deportivo, o ocio e tempo libre ou o deporte escolar sexan algúns dos eixos do programa dun congreso que constitúe “un exemplo de transversalidade”, como o destacou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, que considera que este foro “representa perfectamente a filosofía que empezamos a trasladar nese proxecto incipiente que é o Campus Crea, que ten no deporte, a saúde e o benestar un dos seus eixos principais”. Xunto a Corbacho e Arufe, participaron na apertura deste congreso o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e presidente do comité organizador, José Luis García Soidán; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, quen alertou do “problema de saúde pública” no que se está a converter o sedentarismo, que diferentes estudos vinculan “con preto do 60% das mortes por enfermidade no mundo”.

A “práctica deliberada” como factor do éxito kenyano

Entre os relatores desta primeira xornada atópase o campión de Europa de Atletismo Arturo Casado, quen, no marco da súa tese de doutoramento pola Universidade Politécnica de Madrid, atópase investigando as diferencias no rendemento entre os atletas kenyanos e españois. Non en van, neste país africano prodúcese “un fenómeno dunha magnitude tal que non se da en ningún outro deporte”, o xurdimento de centos e centos de atletas de moi alto nivel. Un fenómeno que ademais se concentra nunha determinada zona, o val do Kirf, ata onde se desprazan moreas de kenyatas co único propósito de adestrar e converterse en corredores.

Recoñece Casado que hai moitos estudos sobre as causas deste fenómeno, “nos que se intentaron dar explicacións de todo tipo, xenéticas, biomecánicas, sociolóxicas, culturais...”. Ao seu xuízo, “moitos factores determinan ese éxito”, entre eles “unhas condicións quizais algo superiores” pola súa complexión física, pero tamén as que centraron o seu estudo, as vinculadas coa chamada “práctica deliberada”. Con este termo, faise referencia á actividade “altamente estruturada, cun nivel de concentración e de esforzo moi alto e coa que se busca unicamente a mellora do rendemento” con independencia de se quen a realiza goza ou non coa ela.

Nese senso, ten especial incidencia que o atletismo constitúa “a única vía para que xente que vive na miseria poida conseguir algo de diñeiro co que a súa familia poida subsistir”. Non en van, son moitos os kenyanos que intentan converterse en corredores de alto nivel, a pesares de non contar nin con medios técnicos nin con adestradores ata que alcanzan un determinado nivel. Mais, en esencia, “realmente trátase de correr e eles fano todo o día”, apunta Casado, que, tras entrevistar a preto de 40 atletas para a súa tese, incide en que moitos deles fano simplemente “por un motivo económico, non por que lles guste”. De feito, esa é unha das razóns polas que “hai atletas que só están tres anos na elite mundial e logo desaparecen, porque xa conseguiron unha cantidade de diñeiro suficiente e non teñen a motivación para sufrir na pista como antes”.

O sedentarismo mata

Un ano máis, o relatorio inaugural do congreso correspondeu ao secretario xeral para o Deporte da Xunta, que, partindo de diferentes estudos, alertou do “grave problema de saúde pública” no que se están a converter tanto a obesidade como o sedentarismo. Lete lembrou que a Organización Mundial para a Saúde (OMS) vén de publicar un “demoledor informe” no que alerta “dunha crise de obesidade en Europa” no ano 2030, cando tres de cada catro europeos poderían padecer un problema de sobrepeso.

Pero o secretario xeral foi máis aló, xa que “se a obesidade mata, o sedentarismo mata aínda máis”, dada a “súa influencia en todas as enfermidades crónicas non transmisibles”. Neste senso, o representante do Goberno galego incidiu en que é preciso un labor de concienciación para que a cidadanía “incorpore a práctica da actividade física a súa rutina” e realice cando menos os 30 minutos de exercicio diario que recomenda a OMS, labor que, explicou, o Goberno galego trata de impulsar a través do proxecto Galicia Saudable.

Tres días para a posta en común de coñecementos

Preto de 300 persoas, entre estudantes, profesionais, investigadores e académicos, participan desde este xoves e ata este sábado nun congreso no que as conferencias e mesas de debate se completan con diferentes seminarios de carácter práctico. Un congreso que serve tamén como marco para a presentación de preto de 100 proxectos de investigación e no que están presentes docentes chegados de México, Cuba ou Reino Unido, como o profesor da Universidades de Brookes Oxford Roger Ramsbottom, quen nesta xornada afondou nas bondades da monitorización cardíaca no eido deportivo. Por unha banda, explica, “porque o seu uso achega un feedback moi útil en termos de saúde” o que fai apropiado coñecer a frecuencia cardíaca con independencia do nivel da actividade que se realice. Pero tamén, porque, no caso dos “deportistas de nivel medio e alto permítelles coñecer canto tardan en recuperarse e saber así con que intensidade poden adestrar e canto deben descansar”.