DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro partidos creados polo alumnado disputábanse parte da nota nestes comicios

Un voto decide as eleccións ficticias da Facultade de Comunicación

'Uniproject X' sumou 63 apoios, fronte aos 62 de 'Aquí no hay quien estudie'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 05/05/2023

Un total de 185 persoas participaron ao longo deste xoves nas votacións que puñan peche á campaña electoral que a Facultade de Comunicación viviu nas últimas dúas semanas e na que catro partidos creados polo alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas disputábanse unha parte da súa nota na materia Técnicas de comunicación electoral e institucional. Promovidas polo profesor Xosé Rúas co obxectivo de que o estudantado poña en práctica os coñecementos adquiridos sobre comunicación electoral, estas eleccións pecháronse co resultado máis axustado da última década, xa que un só voto determinou o nome da formación gañadora, Uniproject X, que obtivo 63 apoios, fronte os 62 do partido Aquí no hay quien estudie.

Aberta a todo o alumnado, profesorado e persoal da facultade, coa excepción dos participantes na actividade, nestas eleccións acadou 34 votos o partido Fanfarrones e 21 apoios a formación OSCAR, á vez que se rexistraron tamén cinco votos nulos. “A verdade é que foi unha campaña bastante intensa e disputada”, sinala Rúas dunha contenda electoral que define como un “xogo de rol”. De feito, a actividade arrancou o 24 de abril cunha pegada de carteis, para logo acoller tamén a organización de mitins e dun debate entre candidatos e candidatas, así como as diferentes actividades de campaña que as formacións promoveron tanto nos espazos que ocuparon na planta baixa do centro como a través das redes sociais.  

Comunidade e emprendemento, eixes do partido gañador

A película Proxecto X e a firma de moda Nude Project serviron como fonte de inspiración ao partido gañador destes comicios, que presentou a Carla Fra como candidata. “Este foi un traballo de clase, pero serviunos para mellorar moito como grupo”, sinala esta alumna respecto dunha campaña que Uniproject X articulou arredir de "dous eixes principais”. Por unha banda, puxeron o foco en que a xente nova pode pór en marcha os seus propios proxectos empresariais, o que levounos “a traer un emprendedor novo cada día” á facultade. Por outra, apunta Fra, “quixemos tamén crear comunidade e ser moi próximos ao resto do alumnado”, a través de iniciativas como xogos, unha festa ou a entrega de apuntes. 

A idea de “crear comunidade” foi tamén un dos piares da campaña de Aquí no hay quien estudie, formación que tiña como candidato a Pedro Grandal e como fonte de inspiración a serie Aquí no hay quien viva. “Buscamos crear comunidade a través de diversos xogos, a través de traer comida, como o resto dos partidos, do sorteo de entradas para festivais ou de prendas roupa...”, relata Grandal, que recoñece que foi unha iniciativa “bastante entretida e bastante, aínda que é certo que a carga de traballo é moi grande”. 

“Moi contentos coa actividade, coa que melloramos en moitos aspectos como é a comunicación, a nivel interno e externo, e coas empresas” amósanse tamén desde Fanfarrones que, de xeito irónco, presentábase a estes comicios como un “partido de corruptos”. Xogando con esa idea, como explica o seu candidato, Adrián Martínez, levaron a cabo xogos con maletíns ou “chuvias de billetes”, así como unha festa ou sorteos de camisetas de equipos de fútbol. Os xogos e sorteos formaron parte tamén das actividades de OSCAR (Organización Social contra o Academicismo Retrógrado), formación que inspirou a súa estética nos premios cinematográficos. “Serviunos de moito á hora de aprender a traballar en equipo, ter un obxectivo común é loitar por el”, sinala a súa candidata, Uxía Seoane, que explica que unha das liñas da súa campaña foi “enxalzar a cultura”, con iniciativas como concertos.