DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas 80 persoas participaron nesta práctica con Marco Lucato, profesor de Didáctica de Expresión Mu

A voz branca amosa o seu lado máis polifacético na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Analizaron os resultados vocais que se logran co traballo científico a través dun concerto con estud

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Noemí Rey DUVI 17/04/2013

A voz pode ser moi fráxil se non se trata ben. Influenzas internas e externas, de método e vontade, poden facer que supere os seus límites, por iso o coñecemento intelectual e científico sobre o seu comportamento aumenta as súas posibilidades e o partido que lle pode sacar o cantante. Para demostrar os resultados vocais que se poden conseguir con ese “traballo sistemático e científico” nas voces brancas, o profesor Marco Lucato organizou un concerto con alumnos de Educación Primaria que serviu para ofrecer ao seu alumnado unha clase de técnica vocal e interpretación de obras de diferente xénero e estilo con voces infantís e xuvenís. A actuación, organizada dentro do Departamento de Didácticas Especiais da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, contempla todas as posibilidades de uso da voz branca, desde o canto didáctico ata as grandes obras polifónicas.

É a primeira vez que se realiza unha actividade deste tipo, na que participaron preto de 80 estudantes das sinaturas de Expresión e Linguaxe Musical de 2º e 3º de Educación Primaria e de Técnica vogal e práctica coral da mención de música de 3º de Primaria. Deste xeito, Lucato quere achegar ao seus alumnos e alumnas ao mundo da voz branca, unha voz musical asociada normalmente a nenos e nenas antes da súa puberdade pouco extensa, sen a riqueza tímbrica da dun adulto e sen cor.

O vindeiro concerto, en maio

O programa de actividades continuará o vindeiro mes en Vilagarcía de Arousa cunha actuación o 2 de maio na que outro coro infantil dará un concerto para todos os alumnos de 3º e 4º de Primaria da comarca. Nesta ocasión a actuación será totalmente didáctica, xa que os alumnos de Técnica vogal e práctica coral da mención de música de 3º de Primaria seguirán toda o concerto desde o escenario para visualizar a dirección, un aspecto moi importante en calquera actuación musical.