DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nace a revista dixital Seniors Universitarios, feita polo alumnado do Programa de Maiores

A voz da experiencia salta das aulas á rede

Tratará de recoller a experiencia e opinión de aqueles que "non se forman para traballar, senón por

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 16/11/2011

Algúns son titulados universitarios cunha intensa carreira profesional xa rematada, outros tiveron que abandoar os seus estudos a medio camiño, pero todos coinciden nun aspecto: no regreso ás aulas para saciar a súa ansia de coñecemento, na súa entrada na universidade pasados os 65 para "aprender por aprender". Pero o Programa de Maiores da Universidade de Vigo quixo dar un paso máis aló coa posta en marcha a revista dixital Seniors Universitarios, "unha ferramenta que permitirá expor as nosas ideas, experiencias e opinións", así como de traballos artísticos ou de investigación, na que poden participar todo o alumnado, o equipo docente ou calquera interesado. "Aprender é estar dirixindo con sentido a nosa vida. O tren da educación para por nós: algúns deciden apearse pronto, de aí o fracaso escolar, outros estamos viaxando sempre nel. Estamos dando un salto cualitativo a un modelo de constante formación", recordou Alejandro Otero, presidente da Asociación de Alumnos do programa.

Con dous alicerces fundamentais, artigos de opinión e noticias de actos, viaxes culturais, axenda... a revista tamén pretende ser un altofalante para dar a coñecer esta titulación honorífica e "contaxiar" a experiencia do alumnado ao resto dos maiores. Aínda que para iso piden colaboración. "Estamos a celebrar un bautizo, pero pedimos que mimen á recentemente nada, que necesita coidados para converterse en algo moi noso. Aínda que pequena hoxe, esperamos que sexa moi grande mañá", pediu a alumna María Jesús Garcés. O equipo redactor será o encargado de seleccionar entre todos os traballos enviados os que se irán publicando nunha revista que ten como primeira portada á Escola Universitaria de Estudos Empresariais.

Un exemplo de enriquecemento

Con 4 materias obrigatorias e 8 optativas, os 186 estudantes matriculados gozan do pracer "de aprender e manterse activos mental e fisicamente" e de formar parte dese 10,5% de españois maiores de 65 anos que regresaron ás aulas universitarias nos últimos anos. "Os profesores enfróntanse con estrañeza a dar clases a xente maior, xa que non nos entra na cabeza ensinar a alguén como os nosos pais, con máis experiencia. Pero gozamos cun alumnado tan interesante, que vén ás aulas só por aprender. Chegar a vosa idade con gañas de seguir descubrindo cousas ten que ser a felicidade, a feliz idade", subliñou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria, durante o acto de recoñecemento ao profesorado do Programa de Maiores por parte do estudantado.

Alumnos dos cinco cursos e de materias soltas coincidiron en salientar a gran labor que está a realizar o equipo docente e en todos os beneficios que a eles lles aporta, dende "actualizar coñecementos ata cultivar o corpo ao obrigarnos a levantarnos do sofá, demostrar á nosa contorna que somos capaces de facer algo máis que ir a viaxes do Imserso ou coidar dos netos, limpar os carreiros da memoria, elevar o noso nivel cultural ou darnos ilusión e alegría neste tramo da nosa vida", explicou Lino Fortes, estudante de primeiro curso. Todos agradeceron aos profesores a oportunidade de "colmar as ansias de coñecementos e darnos unha experiencia vital polo sentido de renovación que ten", aseguraba outro alumno de quinto.

Vivir enriquecendo o tempo que teñen

O xornalista, escritor, historiador e ex deputado na 1ª Lexislatura do Parlamento de Galicia, Gerardo González, quixo salientar a "discriminación" á que están sometidos os maiores na sociedade actual na conferencia inaugural do acto de presentación da revista e de recoñecemento aos profesores. "Moita xente incluso da nosa idade creen aquilo de loro vello non aprende a falar, pero sempre hai un refrán para contrarrestar a outro: a experiencia é a nai da ciencia. Pero tamén son moitos os que se enorgullecen de que os seus pais ou avós estean a estudar unha carreira e de que non vivan matando o tempo, senón enriquecendo o que teñen", argumentou.

Lonxe da competitividade e das présas que poden marcar o sacar unha titulación universitaria con 20 anos agora "dalles igual chegar ou non, estudan por estudar, e ese debería ser o obxectivo prioritario das universidades: non formar para traballar, senón ensinar para aprender". Sobre todo, puntualiza González, nun momento no que as empresas "están expulsando permanentemente aos maiores sen ter en conta a súa experiencia" mentres eles fan "acopio de saberes para entender unha sociedade cada vez máis complexa".