DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Homenaxe aos avogados laboralistas de Atocha no 36 aniversario do seu asasinato

Con voz firme para non perecer

José Luis Núñez, parte da acusación no xuízo, lembrou aos que foron os seus compañeiros e amigos

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 24/01/2013
36 anos pasaron dende que unha noite de inverno, tal día como este 24 de xaneiro, tres fascistas a cara descuberta asasinaron na rúa Atocha de Madrid a cinco avogados laboralistas. Na actualidade ningún dos terroristas continúa en prisión por este crime: Fernando Lerdo de Tejada fuxiu grazas a un permiso dous anos despois e reside na actualidade en Brasil; José Fernández Cerrá cumpriu 15 anos e Carlos García Julia outros tantos, aínda que agora está preso nun cárcere de Bolivia por narcotráfico.

Están vivos porque a acusación decidiu non pedir a pena de morte para eles durante o xuízo. “Pensalo e decidilo, a penas nos levou dous segundos; tampouco nos opuxemos á liberdade condicional porque críamos na reinserción e debíamos defender e pedir aquilo no que críamos e polo que loitabamos”. Así o explica José Luis Núñez Casal, avogado laboralista, compañeiro das vítimas e parte da acusación popular no xuízo contra os asasinos de Atocha, nun acto de homenaxe celebrado este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Ante un salón de actos ateigado, Núñez Casal explicou como este feito foi crucial para acelerar os cambios na España tardofranquista, unha vez morto do ditador. O avogado lembrou que foi “unha importante lección que non debemos esquecer co paso dos anos”.

O longo camiño cara a democracia

A vicedecana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Pilar Allegue, foi a encargada de abrir o acto lembrando que esta “é a primeira vez que na Universidade de Vigo se homenaxea aos avogados asasinado en 1977 e lembrou que “honrando a un home honrado, honrámonos a todos”. A secretaria Xeral da Universidade, Inma Valeije, fixo pola súa banda un percorrido polo contexto político e xurídico da época, contextualizando así os feitos. Destacou que entre os anos 1976 e 1977 tiveron lugar importantes cambios de cara á democratización do país, como a legalización dos partidos, da propaganda política, a lei de amnistía, etc. Con todo, coincidiu con Miguel Diéguez, representante da Asemblea Universitaria de Vigo, organizadora do acto, quen lembrou que o proceso da transición “foi vertebrado e dirixido polo propio réxime franquista”, o que verdadeira tiña os medios para executar os cambios. Destacou tamén Valeije que na actualidade séguese sen reclamar responsabilidades aos responsables dos crimes do franquismo e sen declara nulos os xuízos e sentenzas que levaron a moitos cidadáns á cadea ou á morte. Para o representante da asociación universitaria, lembrar aos cinco asasinados en Atocha o 24 de xaneiro de 1977 é “lembrar todo o bo que temos e que estamos perdendo” e reclamou unha maior toma de conciencia, compromiso e loita por parte dunha xuventude “que xa naceu na democracia e non entende que, para conquerir os dereitos dos que gozamos houbo moito suor, moitas bágoas e tamén moito sangue”.

Unha rede de despachos

José Luis Núñez comezou o seu relatorio lembrando como naceu a rede de despachos de avogados laboralistas posta en marcha dende un Partido Comunista daquela ilegal. A idea era afastar os traballadores do omnipotente Sindicato Vertical ofrecéndolles defensa para loitar polos seus dereitos. “Era unha utopía posta en práctica; todos, dende avogados a administrativos e limpiadoras, cobrábamos o mesmo e só cobrábamos se o cliente cobraba”, lembraba Núñez. A rede crecía e cada vez máis traballadores acudían a eles, facendo aflorar todo un movemento obreiro afogado polo franquismo. A medida que se facían máis visibles comezaron a ser tamén obxectivo dos terroristas falanxistas, “pero nunca pensamos en perder cinco compañeiros asasinados, este crime amosa a capacidade de brutalidade dos fascistas”.

Pouco antes das 23 horas dun día coma hoxe en 1977, eran tiroteados Luis Javier Benavides, Enrique Valdelvira, Javier Sauquillo, Serafín Holgado e Ángel Rodríguez, catro avogados e un administrativo, todos vinculados a CCOO e ao PCE.

Para Núñez eran os seus compañeiros e amigos e lembra que, en lugar de medo, a rabia e o valor fixeron que o enterro se convertese na maior manifestación pacífica ata o momento, reunindo a máis de 100.000 persoas. “Recibimos apoios variados, máis aló do Partido Comunista, de todas as ideoloxías, incluso da propia policía que axudou a manter a seguridade do acto; algo estaba cambiando en España”. Lembra tamén un proceso xudicial cheo de irregularidades, mentiras e situacións absurdas pero, por riba de todo, lembra unha vitoria, a dos traballadores, a da clase obreira e a da democracia. “A mensaxe callou e a xente viu como se podían seguir facendo as cousas” para avanzar cara a unha democratización real do país apunta.

Conta o “taxazo” de Gallardón

Pero moito do acadado con tanto esforzo e sacrificio, José Luis Núñez considera que agora está en perigo. “As taxas xudiciais que impón o ministro Gallardón son un ataque á profesión, que limita o acceso á xustiza, pero hai moitos outro ataques”, sinala o avogado e ex-deputado. Entre eles referiuse á desaparición dos avogados de barrios, dos pequenos despachos que son substituídos por grandes bufetes, cuxos donos non visten a toga a se limitan a sentarse no consello de administración”. Ante un auditorio de estudantes e docentes de Dereito e Relacións Laborais, Núñez animounos a loitar polo futuro dos avogados, para que poidan decidir que Dereito exercer e lembrou que “a honestidade e a rectitude dun avogado está por enriba de minutas millonarias”.