DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas “Reflexións previas á actividade docente”

A voz, a organización da aula e as innovacións metodolóxicas centran un curso para futuros mestres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 31/10/2008

A voz como unha ferramenta didáctica, a organización do espazo nas aulas e a innovación metodolóxica son tres elementos importantes na actividade docente, que van máis aló dos contidos que un mestre teña que ensinar. Estes aspectos serán os protagonistas do curso Reflexións previas á actividade docente que se celebrará o 10 e 11 de novembro no salón de actos da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal.
As xornadas, de entrada libre e inscrición gratuíta, teñen como obxectivo facer reflexionar os futuros mestres sobre a influencia da organización do espazo nas aulas e a súa repercusión nas aprendizaxes ademais de tomar consciencia do recurso da voz como ferramenta didáctica e non soamente como canle transmisora. Outro dos obxectivos é o de poñer en contacto os alumnos con todo o mundo da innovación metodolóxica e fomentar as capacidades de investigación sobre a súa práctica.
Así, o luns día 10 a médico foniatra María Elisa Lois Martínez ofrecerá unha conferencia baixo o título A comunicación na aula: interacción profesor-alumno que proporcionará os coñecementos necesarios para o correcto uso da voz, o seu coidado e os trucos para quitarlle a mellor rendibilidade ante os alumnos. Ese mesmo día a partir das 12.00 horas, será o turno de Isabel Amparo Vaquero, profesora de educación infantil que, logo dunha introducción e unha exposición práctica, fará propostas de actividades xa experimentadas en centros. O mundo da innovación tecnolóxica e do fomento das capacidades de investigación chegará da man das profesoras de primaria María Jesús Enguidanos e María Marti-Esperanza.

Metodoloxía de proxectos

Esta invitación á reflexión vén enmarcada dentro dunha “experiencia por proxectos” que “vai perfeccionando a metodoloxía desde hai catro anos”, segundo sinala a coordinadora e directora das xornadas, Antonia Blanco. Trátase de adaptar os proxectos a diferentes contextos educativos para aprender “preguntándose” nunha comunidade de aprendizaxe. Deste xeito, favorécese a formación de profesores reflexivos.
Blanco apunta que a importancia destas xornadas radica en que “se van tratar temas que os alumnos estudan na aula a nivel teórico pero agora da man de profesionais cunha visión práctica”. Este será só o primeiro contacto xa que as profesoras que participan no curso son algunhas das que despois acollerán en prácticas aos alumnos da facultade. Ademais en próximas datas está previsto que as experiencias recollidas ao longo desta actividade sexan volcadas nunha publicación de investigación.