DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X inaugurou unha nova exposición en presenza de Antonia Blanco e de Juan Carlos Meana

‘Watts’ alumea a inspiración lumínica de sete artistas de Belas Artes

A obras amosan distintas perspectivas sobre a temática da luz

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 03/12/2010

Sen luz non hai visión pois é o estímulo necesario que fai efectiva á vista. Por esta función imprescindible que realiza, a Sala X de Belas Artes quíxolle render unha homenaxe á luz a través de Watts, unha exposición que se inaugurou este xoves coa presenza da vicerreitora do campus, Antonia Blanco e do decano de Belas Artes, Juan Carlos Meana e que recolle distintas miradas e perspectivas sobre o tema, materializadas por sete artistas, Ana Seoane, Carlos Isla, José Andrés Santiago, Fran Miguens, Miguel Cuba, Christian G. Bello e Eduardo Outeiro. Son propostas diferenciadoras que ofrecen unha visión panorámica e de variedade, desde a luz como fonte de cor, como xeradora de vida ou mesmo cun enfoque máis tráxico. En palabras de Antonia Blanco, “Watts describe o potencial real dos artistas, resultado de unir esforzos baixo un mesmo paraugas” ao que o decano de Belas Artes engade que “este xeito de dar luz amosa a capacidade de creación e sirve de exemplo para os que veñen detrás”.

Distintas miradas da luz

Todas as obras expostas teñen a luz como protagonista principal, de xeito consciente, non como un simple elemento intrínseco á mesma, pero cada un dos artistas optou por manifestalo dun xeito moi particular e persoal, en moitos casos enfocado desde a dinámica habitual de traballo de cada un, xa que “para uns era unha continuación e para outros permitíanos saír do noso ámbito de coñecemento habitual e intentar conectar con esta temática”, en palabras de José Andrés Santiago, artista da exposición.

Así, atópanse unha gran variedade de propostas. Entre elas distínguese La luz generadora de vida, de Ana Seoane, na que recrea un espazo polo que entra luz e o enche de vida. Segundo a súa creadora “trátase d un ambiente no que entra a luz a través das follas da pranta, da hedra”. Por outra banda, en La sombra que me cobija, Fran Miguens quixo traballar a luz desde o seu oposto, “desde a falta de luz, desde o mundo da escuridade, da sombra, tentando saír dese contorna escura na que está”. Christian García Bello con Todo lo que San Lucas no puede pintar optou por unha mensaxe máis conceptual, a da imposibilidade de captar a luz natural mediante a proxección de un vídeo co cal pretende facer debuxos e tecelos, pero que resulta inviable pola imaxe en movemento.

Outros artistas optaron por un enfoque máis plástico. É o caso de Carlos Isla con Juegos de Luz, que a través de unha escultura feita con chaves de luz e material illante de cerámica representa ao xogo de bolos, o que simboliza “como un home erguido pode ser derribado, caendo nun transfondo tráxico, o perigo da luz”, explicou o creador da obra. Nesta liña máis estética tamén se atopa José Andrés Santiago, que escolleu falar a través da cor en The Original trail colors series, superluxe edition. Segundo o artífice da creación traballou “coa gama cromática do universo informático aplicándoa na papiroflexia, creando unha especie de arco da vella”.

Todos os artistas expositores son egresados ou estudantes de doutoramento da Facultade de Belas Artes, que, segundo apuntou Antonia Blanco “traballan e fomentan a investigación e axudan a que a Universidade estea visible no mundo da cultura”. Watts estará aberta ao público ata o vindeiro 4 de febreiro de 2011.