DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes, alumnado e empresas comparten experiencias na 2ª Xornada Universidad 2.0

A web 2.0 e as redes sociais multiplican as posibilidades de innovación no ensino superior

Salustiano Mato destaca os retos da Universidade nunha “ciber-sociedade de dimensións planetarias”

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 03/05/2012
As novas tecnoloxías poñen sobre a mesa todo un mundo de posibilidades para a educación superior, pero tampouco poden ser excluíntes de outros métodos tradicionais e non tecnolóxicos “o coñecemento científico require rigor, pero tamén creatividade e accesibilidade”, así definiu o profesor Miguel Merino, presidente do comité organizador das Xornadas Universidad 2.0, o intre actual que viven as universidades galegas. Punto de encontro entre profesores, alumnos e empresas TIC, a xornada serviu para compartir experiencias, inquietudes e debater en torno á aplicación das TIC no escenario da educación superior, prestando especial atención ao uso de contidos e plataformas dixitais.

A cita tivo lugar no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e nela coincidiron a directora do centro, Edita de Lorenzo, e o reitor, Salustiano Mato que, pese a admitir que vivimos “nunha ciber-sociedade de dimensións planetarias” fixo fincapé en que é un mundo “creado por persoas para persoas”. “Baixo o epígrafe 2.0 hai moito máis ca software e hardware, o máis importante son as persoas” recalcou, ao tempo que destacou a importancia dun encontro no que se dá un paso máis para coñecer “como podemos facer mellor o noso traballo, lograr os nosos obxectivos e proporcionarlle máis e mellores servizos ás persoas as que servimos dende a Universidade”. Nesta liña subliñou que a Universidade quere ser unha parte relevante neste proceso, “un socio activo” e unha fonte de novas iniciativas que contribúan a “facer máis visible a implicación do colectivo universitario nestas disciplinas”.

Tamén na liña de traballar en pro de alcanzar un modelo de universidade do futuro para adaptarse aos novos tempos, Edita de Lorenzo subliñou a necesidade de “aprender dos erros anteriores e buscar novas solucións”, xa que desta capacidade de adaptación dependerá o porvir dos centros de ensinanza superior.

Novas tecnoloxías que requiren novas formas de aprendizaxe

Nos diferentes relatorios, que se estenderon ata ben entrado o mediodía, púxose de manifesto que as novas tecnoloxías e formas de aprendizaxe requiren contornas de formación tamén innovadoras, abertas e en consonancia coa forma na que se comunican os alumnos e alumnas actualmente. “Nesta xornada tratamos todos estes temas desde o punto de vista da educación superior”, subliñou o profesor Miguel Merino, que quixo marcar as diferenzas entre o ensino superior e o medio, xa que, ao seu xuízo,a actual implantación das TIC nos centros de ensinanza media pouco ten que ver coa ensinanza superior, “moito máis prospectiva e onde o papel do docente é moito máis de titor e orientador ca de puro transmisor de coñecemento”, engadiu. Desde o seu punto de vista, estamos nun momento crucial para o pasado e presente das universidades, no que están en xogo non só os aspectos pedagóxicos e de investigación, “senón tamén cousas tan concretas como a relación entre docente e alumno ou o uso eficaz dos recursos como bibliotecas, aulas ou laboratorios”.

Lanzamento dun proxecto Tempus

Baixo o lema Na procura da innovación educativa, os participantes insistiron en que as tecnoloxías de redes colaborativas representan novos modos de acceder e compartir o coñecemento que poden cambiar substancialmente o valor da propia institución universitaria. “Desde o mundo formal da Universidade deberíamos prestar atención a novas realidades como son as redes sociais que estimulan a colaboración e que son moi características das novas xeracións, o que fai que sexa un recurso máis empregado por alumnos que por docentes”, recalcou Merino, que insistiu en que a cantidade, e quizais non tanto a calidade, da información da que se dispón nas redes sociais multiplicou a capacidade de acceso ao coñecemento.

O encontro, que puido seguirse por streaming desde diferentes lugares de Hispanoamérica, serviu tamén para avanzar na preparación e lanzamento dun proxecto piloto “que nos permita pór en práctica novas experiencias que contribúan a mellorar en este ámbito, acudindo á próxima convocatoria Tempus da Axencia para a Educación e Cultura da Unión Europea en colaboración con universidades de Portugal e Francia”, adiantou Merino aos participantes, entre os que había profesionais de empresas como Microsoft ou Intel e profesores das tres universidades galegas, da de Niza ou da Camilo José Cela.