DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentarase ao abeiro do curso de Medios audiovisuais que acolle Celanova entre o 17 e o 19 deste m

Unha webserie con selo pontevedrés á espera de ver a luz

Realizada por estudantes do grao en Comunicación Audiovisual

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 05/07/2013
“É un segredo. Non podemos adiantar nada. Teredes que agardar uns días para saber un pouco máis deste pequeno proxecto audiovisual”. Así de ilusionados e expectantes se amosan sete alumnos e alumnas do grao en Comunicación Audiovisual ao falaren da webserie que presentarán ao público no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) os días 17, 18 e19 de xullo. O profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Paulino Pérez dirixe este obradoiro que se integra no propio curso que se celebrará en Celanova e no que tamén colabora a Fundación Carlos Casares.

Tres foron as propostas que os estudantes de Comunicación Audiovisual presentaron hai un par de semanas ante o director do obradoiro pero, finalmente, só un deses tres guións foi o elixido. A argumento desta pequena historia está gardado baixo chave e só verá a luz en Celanova pero, a uns días de comezar a gravación, xa teñen pechado o casting logo de seleccionar a catro actores e actrices da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Nestes días, os estudantes achegáronse ata esta localidade ourensá para buscaren as localizacións e, aínda que o silencio é a resposta a moitas preguntas deixan entrever que é moi posible que o seu proxecto audiovisual teña como escenario principal unha casa rural da contorna. O vindeiro domingo 14 comezaran as gravacións desta webserie e o resultado poderá verse ao remate de cada unha das tres xornadas do curso no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC).

Dende o primeiro momento os rapaces e rapazas están a traballar coma profesionais. De feito, teñen un orzamento pechado que eles mesmos deben xestionar. Eu só me encargo da produción executiva”, salienta Paulino Pérez. De xeito paralelo á preprodución, os sete mozos e mozas están a traballar no deseño e implantación dunha campaña de marketing en liña na que as redes sociais terán un papel determinante. A maiores, a estrea da serie web tamén poderá seguirse a través do site de Uvigo TV. “Isto é un reto para todos e cada un deles”, destaca o director deste obradoiro, enmarcado no curso de verán Medios Audiovisuais, CeMAC 2013.

Luis Tosar e Miguel de Lira, entre os poñentes

A décima edición do CeMAC 2013, dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Miguel Anxo Fernández ten como eixo central o audiovisual galego, o seu presente cambiante e as súas alternativas de futuro e persegue “unha reflexión de como o audiovisual galego debe procurar alternativas de futuro dende a base de que, ao mesmo tempo que a industria, a creación é a correa transmisora dos sinais de identidade propia, servidos con talento, como se constata a través dos produto e dos creadores presentes neste curso”, explica o docente e crítico de cine.

Segundo salienta, “nesta ocasión optouse por un programa variado que recolle a versatilidade do formato de longametraxe (ficción, animación ou documental) e, sobre todo, dos proxectos en liña. Uns formatos promovidos por creadores novos dispostos a irromper no mercado cambiando as estruturas dende a base con parámetros low cost”. Ademais, con filmes como O Apóstolo ou Arraianos como fío conductor, os asistentes poderán achegarse as diferentes modalidades audiovisuais contando nos debates e nas mesas redondas con representantes o sector tan coñecidos como os actores Luis Tosar, Miguel de Lira ou Camila Bossa o escritor Diego Ameixeiras, os directores Fernando Cortizo, Héctor Carré ou a escritora e directora, Margarita Ledo. A comunidade universitaria é o público obxectivo destas xornadas divulgativas que tamén están abertas a calquera persoa que desexe realizar unha diagnose sobre o estado actual do audiovisual do país.

Aberto o prazo de matrícula

Os interesados e interesadas en participar neste curso teñen ata o 17 de xullo para realizaren a súa matrícula. Os prezos oscilan entre os 30 euros, para os estudantes da Universidade de Vigo con bolsa do Ministerio de Educación, e os 45 euros, para os alumnos e alumnas sen esta axuda, os cidadáns censados no Concello de Celanova e os amigos e amigas da Fundación Carlos Casares. Para o resto de participantes a cota ascende a 60 euros. Os participantes poderán desprazarse de xeito gratuíto ata Celanova grazas a un autobús que sairá diariamente dende o Edificio Politécnico do campus de Ourense ás 08.00 horas.