DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comezan a chegar os seus primeiros inquilinos

Welcome to... a 'Casa Inglesa'!

Convivirán estudantes propios e estranxeiros co obxectivo de perfeccionar o idioma

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 20/09/2012

Un proxecto feito realidade. Coa chegada dos seus primeiros inquilinos, a Casa Inglesa abre as súas portas co reto de potenciar a aprendizaxe de linguas estranxeiras do estudantado da Universidade grazas á convivencia con mozos de fala anglosaxona. A Vicerreitoría do campus de Pontevedra pon en marcha esta iniciativa pioneira “con moita ilusión e ganas”, declara a vicerreitora Antonia Blanco, principal impulsora do proxecto “que por fin neste curso se fai realidade xa con toda a loxística preparada para recibir aos alumnos e alumnas matriculados”. A primeira en chegar foi unha das nativas que supervisará que na vivenda se fale inglés, Heather Munnely, estadounidense de nacemento, que decidiu embarcarse neste proxecto para intercambiar experiencias con outras culturas.

O principal atractivo da Casa Inglesa é que os seus habitantes deberán comunicarse todo o tempo en inglés, garantindo que o estudante gane en fluidez e aproveite ao máximo a experiencia. “En España cursamos idiomas dende os 3 ata os 18 anos pero non sabemos desenvolvernos nunha conversa polo que esta iniciativa busca suplir un pouco esta carencia”, subliña Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus pontevedrés. Este novo servizo ofrece ao alumnado poder vivir no centro pontevedrés (na rúa Xoaquín Costa) por un aluguer que rolda como máximo os 190 euros con custes de auga, luz, calefacción e internet incluídos “ao mesmo tempo que experimentas unha auténtica inmersión lingüística”, engade Teresa González, coordinadora da Casa Inglesa. “Moitos estudantes non teñen a posibilidade de ir ao estranxeiro e estáselles ofrecendo aquí, en Pontevedra, a opción de convivir con xente doutros países”, puntualiza González que a define como unha iniciativa innovadora “que se leva a cabo en moi poucas universidades”.

Primeiras impresións

Carlos Tilve, alumno de primeiro curso do Grao en Ciencias da Educación e do Deporte, estase mudando nestes días á Casa Inglesa. Oriúndo de Pontevedra, optou por alugar un cuarto nun dos pisos pola obrigatoriedade de ter que conversar todo o día noutra lingua e con persoas nativas. “Convenceume a intensidade da proposta porque para falar outro idioma cómpre ter soltura, fluidez e un bo nivel de comprensión e só se consigue practicando”, comenta Tilve que ten o obxectivo de aprobar os exames oficiais da Escola de Idiomas con esta formación complementaria. Carlos Tilve xa goza da compaña de Heather Munnely, que recén chegada de Estados Unidos encargarase de que as conversas flúan entre os compañeiros de piso. “Gradueime en maio e quero aproveitar para vivir novas experiencias”, declara Munnely que decidiu quedarse en España para mellorar as súas nocións de castelán. Cre que a Casa Inglesa é unha excelente oportunidade para aprender un idioma de xeito intensivo “grazas a ese contacto próximo e íntimo entre persoas de diferentes países”.

Interese pola lingua e intercambio cultural

As conversas diarias en inglés veranse reforzadas por clases académicas impartidas polo Centro de Linguas da Universidade, con profesores que se desprazarán á Casa Inglesa dúas veces á semana para preparar ao alumno que así o desexe para os exames oficiais que acrediten o seu coñecemento do idioma nun determinado nivel. A modo de curiosidade, Ana Belén Fernández Souto confesou ter recibido moitas chamadas de pais e nais interesadas polo servizo para os seus fillos de secundaria e bacharelato. “Nótase que entre a sociedade hai moita preocupación por aprender idiomas”, engade Fernández Souto que resalta ademais a dimensión cultural do proxecto xa que ademais da aprendizaxe lingüística, “os alumnos van entrar en contacto con outras formas de pensar, de cociñar, de convivir... o que serve para valorar o que temos e o que non temos”, precisa. Así, co obxectivo de fomentar a interacción, as coordinadoras serán as encargadas de programar todas as semanas actividades divulgativas nas que deberán participar todos os compañeiros de piso, como comidas e reunións temáticas, excursións...

A Vicerreitoría espera que o servizo teña unha boa acollida para poder amplialo en anos posteriores. Pero a realidade é que este proxecto piloto inicia a súa andaina neste curso 2012 2013 con dúas vivendas céntricas de máis de 120 metros cadrados cada unha e con inquilinos a piques de mudarse. “Cremos neste proxecto e temos a firme convicción de que é unha acción moi beneficiosa para os nosos alumnos e alumnas”, conclúe a vicerreitora.