DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alemaña é o país que máis alumnado internacional achega á Universidade de Vigo

'Welcome day' para 328 alumnas e alumnos de 32 nacionalidades

Filoloxía e Tradución mantense como o centro con máis estranxeiros nas súas aulas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío / I. Fernández DUVI 17/09/2013

Exipto, Chile, Turquía, Alemaña, Estados Unidos, Brasil, Portugal… así ata 32 nacionalidades. A Universidade deu este martes a benvida aos 328 alumnos e alumnas que este curso elixiron Vigo, Pontevedra ou Ourense para cursar os seus estudos. Uns estarán só o primeiro cuadrimestre, outros pasarán aquí todo o curso, pero todos teñen en común o interese por “coñecer outro país, outras linguas, outras formas de vivir e tamén de estudar”, como subliñou Cecilia, estudante de doutoramento que chegou a Vigo hai xa uns meses para realizar unha estadía de investigación na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, centro no que tivo lugar o acto de recepción.

Entre as moitas indicacións e consellos que recibiron neste día de benvida –excursións, actividades deportivas, cursos...- o novo alumnado internacional recolleu tamén a Guvipedi@”, unha guía de supervivencia en inglés para que poidan acceder de xeito inmediato a toda a oferta de servizos, tanto académicos como extracadémicos, que ten a Universidade”, subliñou o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que destacou que se trata dunha guía moi manexable que ten información básica “para que a estancia dos nosos estudantes visitantes sexa o máis enriquecedora posible dende o primeiro momento”. El foi o primeiro en darlles a benvida, pero non o único, os consellos e a información chegaron tamén do persoal da propia Oficina de Relacións Internacionais, a Biblioteca, Extensión Universitaria, Deportes, Centro de Linguas... que fixeron un repaso por toda a oferta formativa, deportiva e de lecer complementaria coa que facer esta estadía máis agradable.

O 76% son bolseiros Erasmus

O 76% do alumnado internacional son bolseiros Erasmus e, dentro deste programa, Alemaña mantense como o principal país de procedencia, con case 60 estudantes desta nacionalidade. Séguenlle Polonia con 44, Italia con 34 e Francia con 26. O francés Florian Amirhosseint, alumno de 5º de Enxeñaría Industrial é un destes estudantes. Aterrou en Vigo hai un par de semanas e o que máis lle gustou teno claro “a amabilidade da xente”, subliña con marcado acento francés, “no meu país non somos tan abertos, sobre todo, coa xente doutros países”.

A estes estudantes que chegan coa versión máis tradicional do Erasmus, súmanse aqueles que veñen formando parte das novas versións do programa. Dende o norte de África estudarán en Vigo 11 bolseiros que chegaron ao abeiro do programa Erasmus Mundus, e dende Croacia, Alemaña, Francia e Polonia, chegaron cinco estudantes que realizarán prácticas en empresas galegas, unha cifra que, aínda que polo momento non é moi elevada “reflicte o aumento progresivo de solicitudes de formación práctica no estranxeiro, algo que cada vez demandan máis as empresas”, subliñou o vicerreitor.

Filoloxía e Tradución, o centro con máis alumnado internacional

Repartidos nos tres campus 272 destes alumnos quedan en Vigo, 28 elixiron Pontevedra e outros 28 Ourense. Xa en Vigo, o 52% elixiu a Facultade de Filoloxía e Tradución que, un ano máis, é o centro con máis alumnado internacional nas súas aulas. Entre eles van estar Yang, Yan e Mino, tres estudantes chinos que levan máis de dous anos estudando español na Universidade de Idiomas Estranxeiros de Hebei e que agora tentarán perfeccionalo en Galicia. “Chegamos a cidade hai un par de semanas e o certo é que estamos moi sorprendidos coa cantidade de persoas doutros países que viven aquí”, subliñou Mino nun case perfecto español.

A presenza internacional tamén se deixará sentir con especial forza na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con 32 alumnos de intercambio, e na Escola de Enxeñaría Industrial con 27 alumnos, así como no resto de centros do campus, xa que, aínda que en menor número, a presenza de alumnado visitante é xa unha constante en calquera centro.

Na procura de novas experiencias en Pontevedra

Neste primeiro cuadrimestre, o campus de Pontevedra acolle a 28 estudantes estranxeiros procedentes de distintos países de Europa, América Latina e incluso do norte de África. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación concentra o maior número de estudantes de intercambio, 19 alumnos e alumnas, seguida da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde cursarán os seus estudos seis mozos e mozas. A Facultade de Belas Artes e a Escola de Enxeñaría Forestal acollen ao resto do alumnado. Tal e como salientou a vicerreitora do campus Antonia Blanco, no acto de benvida celebrado esta mañá na Casa das Campás, está previsto que no segundo cuadrimestre esta cifra se incremente notablemente.

Valentina Viana é unha destas novas alumnas. Esta moza deixou o seu país natal, Uruguai, para cursar o seu último ano de carreira na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Durante os próximos catro meses, Viana estudará Publicidade e Relacións Públicas, unha titulación moi semellante á que está a cursar na Universidade Católica de Uruguai. Viana está moi agradecida co persoal da Oficina de Relacións Internacionais ao axudárenlle, entre outras cousas, a buscar un piso na cidade.


O italiano Joseph Igbeare contou coa axuda dun estudante da Universidade de Vigo para instalarse na cidade. Ambos os dous coñecéronse durante unha estadía de intercambio que o estudante galego realizou na Universidade Urbino Carlo Bo. Igbeare está “namorado” de España e tamén de “Galicia” e aínda que ten “certos coñecementos do idioma” acude cada tarde ao campus de Vigo para realizar un curso de español. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte será a súa casa durante os próximos meses, un espazo que o sorprendeu moito ao estar moito máis equipado que o centro de estudos do seu país de orixe, onde tamén estuda Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Estudantes estranxeiros de intercambio na Universidade de Vigo no curso 2013/2014 (35.95 Kb)