DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrada no principal xestor de contidos web, desenvolveu as súas últimas edicións de xeito virtual

A WordCamp Pontevedra prevé reunir 300 asistentes no seu retorno a CCSS e da Comunicación

É o único evento destas características que ten lugar en Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 07/09/2022

Tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación WordPress, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación converteuse en 2018 na sede da única WordCamp de Galicia, un evento centrado no xestor de contidos de software libre máis utilizado no mundo para a creación de páxinas web, WordPress. Despois de que a covid-19 obrigase a desenvolver as súas edicións de 2020 e 2021 de xeito virtual, a WordCamp Pontevedra retorna á facultade do campus pontevedrés, onde prevé reunir preto de 300 persoas entre o 23 e 25 de setembro. Preto dunha trintena de conferencias e talleres sobre diferentes temáticas relacionadas co desenvolvemento web forman parte do programa dun encontro que incorpora como novidade a organización dun hackaton, no que as e os participantes formaranse en desenvolvemento web á vez que traballan na creación das páxinas de dúas organizacións sen ánimo de lucro.

Promovida por voluntarios da comunidade local de WordPress Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo e a Fundación WordPress, o programa desta WordCamp foi presentado este mércores na Casa das Campás por Wajari Velásquez, responsable do comité organizador, Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e Luis Torres, representante da Vicerreitoría do campus. A “visibilidade” que un evento destas características achega “á comunidade universitaria e á cidade de Pontevedra” foi unha das cuestións destacada por Luis Torres nunha presentación que a decana de CCSS e da Comunicación abriu “cunha mensaxe de agradecemento” á organización, “persoas voluntarias que consideran necesario facer un labor de difusión da cultura dixital, que é algo fundamental na sociedade actual”. Emma Torres agradeceu tamén que o centro do campus pontevedrés fose o escollido “para celebrar un evento desta importancia, que se sitúa no que estamos traballando na facultade, que é na formación de creadores de contidos”.

Prezo reducido para a comunidade universitaria

Docente do Máster de Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, Velásquez destacou “o apoio que, desde o comezo”, brinda a Universidade de Vigo a esta “festa de WordPress a nivel galego” e lembrou que nas anteriores edicións lograron reunir preto de 300 persoas, cifra que prevén poder repetir neste 2022, xa que as inscricións “están funcionando bastante ben”. Para o público xeral, as entradas para asistir a esta WordCamp teñen un prezo de 25 euros, no que se inclúen as comidas e a camiseta conmemorativa, mentres que no caso das e os integrantes da comunidade universitaria estas teñen un prezo reducido de 10 euros.

Formarse e colaborar

A principal novidade desta edición, apuntou Velásquez, será a organización dun hackaton, o venres 23, que ten como obxectivo ensinar a persoas sen coñecementos previos a crear páxinas web con WordPress á vez que colaboran con dúas asociacións sen ánimo de lucro, A Rente do Chan e Villa Caótica, creando os seus portais. A participación neste taller, para o que é preciso inscrición previa, é gratuíto e será impartido por Fernando Tellado, “posiblemente o blogueiro de WordPress máis importante en fala hispana”, sinalou Velásquez.

Dous días de formación

Tellado será tamén o responsable de abrir, na mañá do sábado, o programa de conferencias desta WordCamp. Ao longo desta xornada desenvolveranse, no salón de actos e na aula 1 da facultade, un total de 28 conferencias e talleres nos que se abordarán múltiples temáticas ligadas ao desenvolvemento web. “Desde márketing, podcasting, negocios dixitais, SEO..., tratamos de abarcar todo o que ten que ver coa contorna WordPress, que é moi transversal”, apuntou Velásquez, que explicou que o programa busca “abranguer distintos niveis”, con actividades tanto “para niveis máis avanzados” como para aqueles que buscan iniciarse no manexo deste xestor de contidos.

A WordCamp Pontevedra péchase o domingo 25 co chamado “día do contribuídor”, no que se promoven distintas mesas de traballo para que as e os participantes poidan colaborar no desenvolvemento deste proxecto de código aberto.