DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciclo de conferencias organizadas ao abeiro da Cátedra Filgueira Valverde

O X Memorial Filgueira Valverde “sitúa no lugar que lle corresponde” a figura de Casto Sampedro Folgar

A pesar do seu legado, o intelectual galego é pouco coñecido fóra dos ámbitos especializados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 24/10/2011

Aproveitando a conmemoración, en 2012, do 75 aniversario da súa morte, o X Memorial Filgueira Valverde, organizado ao abeiro da Cátedra Filgueira Valverde que promoven a Universidade de Vigo e Novacaixagalicia, lembra a figura de Casto Sampedro Folgar, “un dos intelectuais galegos máis importantes do seu tempo”. O memorial inclúe un total de catro conferencias que rememoran as súas principais achegas, “ademais de situalo no lugar que lle corresponde, xa que a pesar do seu rico legado, é pouco coñecido fóra dos ámbitos especializados”, explicou Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra e coordinador das xornadas.

Na inauguración do memorial, a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, definiu este ciclo de conferencias como o “referente cultural do outono pontevedrés”, actividade complementada polas bolsas de estudo ofrecidas pola cátedra, “unha oportunidade á que cada vez se presentan máis profesores universitarios polo prestixio que supón”. Carlos Valle, que tamén estivo acompañado por José Zarza, director de Relacións Institucionais de Novacaixagalicia en Pontevedra e pola deputada Ana Isabel Vázquez, fixo especial fincapé na necesidade de homenaxear publicamente a figura de Castro Sampedro, “pois a pesar de que estamos ante un personaxe excepcional, estou seguro de que se facemos unha sondaxe en Redondela, lugar onde naceu, poucos serían os que coñecesen a súa existencia. Galicia ten unha débeda impagable coa súa figura”, recoñeceu.

O relatorio inaugural correu a cargo do propio Valle que se centrou no labor de recuperación, difusión e investigación levado a cabo por Casto Sampedro dende a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra que el mesmo fundou en 1894 e dirixiu ata o seu falecemento. “Estamos ante a súa grande iniciativa cultural”, explicou o director do museo durante a conferencia, levando a cabo un intenso labor de recuperación do pasado de Pontevedra e da súa memoria histórica “para convertela en algo vivo ao dispor dos cidadáns pasados, presentes e futuros”.

Un home adiantado ao seu tempo

Cunha personalidade “entrañable e sinxela”, Casto Sampedro “foi un home adiantado ao seu tempo”. Antes de que en 1923 se fundara o Seminario de Estudos Galegos, "xa ideara iniciativas sobre a visión global e de achegamento ao territorio”. Home de acción, “gustáballe estar en contacto directo cos elementos que había que investigar”, destacou Valle, de aí que fose un grande impulsor de exposicións e de investigacións de campo, de creación de equipos, de traballos de arquivo e iniciador das coleccións arqueolóxicas que hoxe en día conserva o Museo de Pontevedra. Foi investigador dos temas máis dispares, “dende heráldica, onomástica, pasando pola toponimia ou pola xerga dos canteiros”, a pesar de ser avogado de profesión. A Casto Sampedro tamén se lle deben iniciativas de gran transcendencia como a preservación das ruínas de Santo Domingo ou a conservación da praza da Ferrería en Pontevedra, así como a conservación e recuperación da música tradicional galega de principios de século.

O memorial dedicado á figura de Castro Sampedro Folgar prolongarase ata o vindeiro xoves, coa celebración das tres conferencias restantes. Mañá martes intervirá Xosé Armas, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que impartirá un relatorio titulado La vida cotidiana en la Pontevedra medieval a la luz de los fondos documentales de Casto Sampedro. O mércores será a quenda de Xosé Fuentes, do Museo de Pontevedra, que afondará no labor de Sampedro no eido da antropoloxía. O xoves pechará o ciclo de conferencias o musicólogo Xabier Groba disertando sobre o papel da música na vida do homenaxeado.