DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vantaxes da e-learning e emprego das TIC son algúns dos temas desta edición

Xa está na rede o cuarto número da Revista de Formación e Innovación Educativa

Baixo a dirección de Pedro Membiela

Etiquetas
  • Vigo
Lucía Costas DUVI 05/12/2008

Seguindo na liña de contribuír á mellora educativa, dando a coñecer as innovacións e investigacións introducidas no ámbito da docencia universitaria e axudando á súa difusión, xa está dispoñible o cuarto número da Revista de Formación e Innovación Educativa Universitaria (REFIEDU).
Co apoio da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa da Universidade, esta revista científica, de periodicidade trimestral e de acceso libre e gratuíto a través da rede, publica nesta edición un total de cinco artigos “de temática variada e con contribucións de universidades externas”, explica Pedro Membiela, vicerreitor e editor da revista.
A profesora Margarita Pino describe algunhas das vantaxes da ensinanza a distancia (e-learning) cando é aplicada á docencia presencial, pois as técnicas de e-learning superan as dificultades espacio-temporais. Joan Guàrdia-Olmos, Montserrat Freixa-Blanxart, Jaume Turbany-Oset e Maribel Peró-Cebollero, da Universidade de Barcelona, escriben sobre estratexias de aprendizaxe na materia de psicoloxía en Collaborative learning in the teaching of statistics in psychology: An alternative to traditional teaching. Sobre o modelo de impartición dunha materia xurídica en réxime de semipresencialidade, reducindo nun 75% as sesións presenciais, que se substitúen por actividades programadas para realizar polo alumno fora da aula e/ou no campus virtual, fala a profesora de Dereito Civil da Universidade de Cádiz Mª Dolores Cervilla. Baixo o título Enfoque práctico de la informática en un entorno industrial, Pau Micó e Javier Silvestre difunden o enfoque práctico que, dende a Escola Politécnica Superior de Alcoi, se dá á materia de Informática Industrial. Por último, Nuria Vila, Concepción Pérez e Javier Blanco escriben sobre o emprego das tecnoloxías da información e comunicación na avaliación docente de cursos virtuais.
A revista conta tamén cun apartado no que se publican as novidades relacionadas coa educación superior, na que se recorda a celebración en Vigo da III Xornada de Innovación Educativa na Universidade o vindeiro día 12 de decembro e outro que resume as principais publicacións recollidas no Portal de Formación e Innovación Educativa, promovido pola mesma vicerreitoría. A finais de ano farase unha recompilación de todo o publicado nos catro números que compoñen o primeiro volume.
“Ata o de agora os obxectivos propostos estanse a conseguir, a REFIEDU estase consolidando como un referente na docencia universitaria”, sinala Membiela. Existe satisfacción nos seus creadores pero aínda queda moito camiño por andar, e outro gran reto “é levar esta publicación científica máis alá da universidade, cruzando tamén fronteiras cara outros países e continentes”, engade.

Colaboración na REFIEDU

Baixo a dirección de Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, atópase un amplo conxunto de profesionais que forman o equipo de edición e o comité asesor encargados de levar adiante este proxecto. Todo o proceso de revisión, edición e publicación realízase vía correo electrónico e a través da rede, “permitindo deste xeito axilizalo notablemente para que un amplo público poida acceder de maneira rápida e gratuíta”, subliña o seu editor.
Orientada ao profesorado, a REFIEDU está pensada como unha ferramenta para por en comunicación aos docentes e difundir o seu labor. Aqueles que desexen participar en vindeiros números só teñen que enviar a refiedu@uvigo.es o seu traballo. O documento deberá expedirse como un arquivo non comprimido adxunto a unha mensaxe na que deben figurar o enderezo electrónico e postal do autor de contacto. Así mesmo, os traballos deberán ser remitidos en formato MS Word xa listos para a súa publicación directa. Poder redactar en oito idiomas diferentes e non excederse de dez páxinas son algunhas das bases a cumprir que se poden consultar en http://webs.uvigo.es/refiedu/col.htm, onde tamén aparecen unha serie de requisitos técnicos (configuración da páxina, formato de texto, referencias bibliográficas, etc) a seguir.