DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de Fisioterapia elaborou nun obradoiro as súas propias pastillas

Xabóns artesanais para achegarse aos principios activos de orixe natural

Impartida pola estudante Daniela Puga, a actividade enmárcase no proxecto Green Campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 11/05/2018

Amosar ao alumnado que moitos dos principios activos dos fármacos teñen unha orixe natural e atópanse tamén “en elementos que non se comercializan necesariamente a través de laboratorios farmacéuticos” é facelo ademais "dun xeito divertido" é, como sinala a profesora da Facultade de Fisioterapia Lourdes Maceiras, o obxectivo principal do obradoiro de xabóns artesanais que esta facultade promove no marco do proxecto Green Campus. O taller, do que están previstas catro sesións nestas semanas, é impartido por unha estudante desta facultade, Daniela Puga, que desde hai anos dedícase á elaboración de xabóns artesanais.

“Unha parte importante do Green Campus é concienciar ás persoas que estamos nel de que os nosos comportamentos deben contribuír a unha sociedade e un consumo sustentable e que debemos levar unha vida sa en todos os aspectos”, salienta Maceiras, coordinadora desta actividade, doutra das motivacións dun obradoiro que arrincou coa sesión dedicada ao alumnado da materia de Farmacoloxía co propósito de “transferir os coñecementos dos principios bioquímicos dos fármacos aos seus principios activos, moitos deles de orixe natural”.

Elementos naturais con beneficios para a pel

Nese senso, o alumnado pode ver neste obradoiro como eses principios activos empregados na farmacoloxía “saen tamén das plantas e materiais naturais”, e como estes elementos poden ter tamén “beneficios para a pel” e resultar de utilidade ante grans, dermatites..., explica Puga. “Os xabóns artesáns son más beneficiosos para a pel, posto que non se usan químicos na súa elaboración”, engade esta alumna, quen relata que comezou a facer xabóns por afección, “e vin que había persoas que os vendían en feiras de artesanía e eventos similares e levo xa sete anos no mundo da elaboración de xabóns”.

Nese senso, Puga relata neste taller aos seus compañeiras e compañeiros de facultade o seu propio proceso de traballo, que comeza co uso de bases de glicerina, ás que engade diferentes tipos de aceite, como aceite de argán, rosa mosqueta, de coco, de caléndula ou de xoxoba, “segundo a propiedade que lle queiramos dar ao xabón”, elementos aos que se suman á súa vez  “colorantes naturais ou de grao cosmético, esencias e aceites esenciais”, así como diferentes aditivos, como “mel, partículas de cáscara de coco, sementes de papoula, barros do mar Morto...”. Elementos que o alumnado puido manipular nestes obradoiros, dos que “todos marcharon con nocións de como se fai o xabón”, pero tamén cunha das pastillas de diferentes formas e cores que foron elaborando.