DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xadrecista da Universidade Samuel Villar proclámase subcampión galego sub-16

Rafael Rodríguez acadou o terceiro posto no Campionato Galego Absoluto

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 07/04/2010
O xogador do Xadrez Galego-Universidade de Vigo Samuel Villar segue a sumar títulos, proclamándose desta volta subcampión galego sub16, ao acadar 6,5 puntos no torneo celebrado en Padrón do 27 ao 30 de marzo. Un título que engrosa a súa listaxe de triunfos, entre os que destaca o campionato galego sub-18 que Villar acadou hai dous meses.
O primeiro posto da clasificación no Campionato Galego sub-16 foi para David Gómez, do Xadrez Ourense, que arrebatou a vitoria a Samuel Villar por medio punto de vantaxe. Na sexta rolda do campionato, Gómez e Villar enfrontáronse nunha partida que rematou en táboas, un resultado que o xadrecista da Universidade de Vigo repetiu nas derradeiras roldas do campionato. Estes empates, unidos ás vitorias acadadas por Gómez, permitiron ao xadrecista de Ourense facerse co título.

Terceiro posto para Rafael Rodríguez

Non tivo tanta sorte o Mestre Internacional da Universidade, Rafael Rodríguez, que tivo que conformarse co terceiro posto na clasificación do Campionato Galego Absoluto. A pesar da vantaxe que Rodríguez acadou nas súas xogadas, o xadrecista vigués non puido revalidar o título de campión, que nesta ocasión recaeu en Fernando Sánchez do Xadrez Ourense. Con todas as partidas gañadas e un empate, Rodríguez tropezou ante o rival ourensán na sexta rolda. O punto acadado por Sánchez desbancou ao xadrecista da Universidade de Vigo, que ata o momento mantíñase cuns resultados moi igualados ao xogador do Xadrez Ourense. Nos postos 12 e 16 quedaron Pablo García e Daniel Vila, outros dous representantes da Universidade de Vigo que participaban neste campionato.

Volve a Liga Galega de Xadrez

Tralo parón da liga por causa da Semana Santa, a Liga Galega de Xadrez regresa este sábado coa décima e penúltima xornada. O equipo de xadrez da Universidade recibirá ao Alexandre Bóveda da Coruña, que ostenta o sexto posto na táboa. Encabezando a clasificación, o equipo universitario aproveitará o encontro para intentar reafirmarse coma líder e poder sacar vantaxe ao Marcote A, que figura en segunda posición con 35 puntos fronte aos 41,5 da Universidade.
Pola súa banda, o equipo escolar desprazarase ata Ourense para enfrontarse ante o Celanova A nun encontro que os xogadores do Xadrez Galego pretender facer valer a súa vantaxe fronte a un rival que se atopa nos postos de descenso, mentres que os vigueses encabezan a táboa con 27,5 puntos, seguidos de preto polo Liceo Academia Postal de Ourense.