DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo acolle por primeira vez esta competición

Xadrecistas federados e amateurs disputan, durante dous días no campus, o Campionato Galego Universitario

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 24/03/2009
A Universidade de Vigo será por primeira vez a sede do Campionato Galego Universitario de Xadrez. A competición que se disputa este mércores e xoves, 25 e 26 de marzo, na sala de xadrez do Edificio do Servizo de Deportes do campus vigués, é un torneo individual que se ven celebrando hai dous anos entre as tres universidades galegas e nesta terceira edición Vigo foi a sede elixida. Segundo o seu coordinador, Pablo García, “o acontecemento preséntase como unha gran oportunidade para potenciar o deporte amateur no xadrez, un aliciente para os rapaces das escolas deportivas”; non obstante, é a universidade viguesa a única que aporta xogadores non federados. Neste senso, García remarca a importancia deste campionato “non só para captar profesionais, senón para que os demais tamén poidan amosar o seu potencial”. En canto á participación, “percíbese, unha vez máis, que Vigo vai á cabeza deste deporte”, sinala o coordinador. Dos 50 xogadores inscritos, 35 pertencen á Universidade de Vigo.
O Mestre Internacional de Xadrez, Manuel Pena, parte como favorito na categoría de federados, un galardón que xa acadara a pasada edición na capital herculina. Haberá primeiro, segundo e terceiro premio na clase absoluta e outros tres na amateur.
Para aqueles que non poidan acudir en persoa a presenciar os encontros, que darán comezo o mércores a partir das 16.00 horas proseguindo durante toda a xornada do xoves, todas as partidas de cada un deles serán retransmitidas en directo a través da web http://webs.uvigo.es/xadrez.

Sede de tres Campionatos Galegos Universitarios

Neste ano 2009, no que a Campionatos Galegos Universitarios se refire, a Universidade de Vigo alberga tres: a carreira 10 Km Cidade Universitaria e o de xadrez no campus vigués, e o campionato de PDI e PAS en Ourense, que terá lugar o vindeiro 28 de maio.
Estes campionatos están programados para disputárense entre os meses de febreiro e maio; os máis próximos agora son en abril: o de Piragüismo o día 3 en Brión, o de Voleibol Praia o 16 e o 26 unha carreira en ruta, tamén de dez quilómetros, na Coruña e en Ferrol respectivamente. Para o mes de maio quedarán os campionatos de vela e tiro con arco.