DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xadrez universitario amosa o seu potencial coa consecución de dúas importantes vitorias

Os equipos de rugby e baloncesto non xogaron esta fin de semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 02/02/2009

Unha xornada máis o xadrez universitario vigués volve destacar na Liga Galega. Na División de Honra, o Universidade de Vigo retomou a competición, despois dunha fin de semana sen xogar debido ao abandono da Casa da Xuventude de Ourense, cunha contundente vitoria por 0-6 fronte ao Algalia. Pouco puideron facer os composteláns, recentemente ascendidos, ante uns xogadores universitarios que comezan a render ao seu máximo nivel. A priori, a partida máis complexa presentábaselle ao capitán que se medía ao máis forte dos rivais, sen embargo Pablo García acadaba o triunfo pola vía rápida en tan só 18 xogadas, dándolle aos seus compañeiros a confianza necesaria para rematar a partida, de xeito que Manuel Pena, Diego Guerra, Benito Sánchez, Pablo González e Rafael Rodríguez completaban o sempre difícil 0-6 que subiu ao marcador final. O resto da xornada deixaba uns resultados que “dan pé a intuír que a loita pola primeira praza desta categoría sexa cousa de tres equipos o Alexandre Bóveda A, o Marcote A e o Universidade de Vigo”, sinala Pablo García.
Por outra banda, os escolares seguen invictos na súa andaina pola Primeira División Galega, 2,5-1,5 foi o resultado da nova vitoria do Universidade de Vigo-Xadrez Galego fronte ao Peña Recreativa Pera. Desta quenda hai que destacar a partida de Marina Aguirre que regresaba ao equipo e convertíase na clave para o triunfo final, impoñéndose coas pezas negras ao seu experimentado rival, Jacobo Martínez, acadando así o punto que desequilibraba o marcador. Non obstante, pese a este excelente resultado, os vigueses foron desbancados do primeiro posto da táboa de clasificación que agora ocupa o Xadrez Ourense. Na vindeira rolda, o equipo escolar medirase ao Fischer A de Moaña.

Retransmisión en directo a través da web

O vindeiro sábado o Universidade de Vigo recibirá ao Karpov pontevedrés, un equipo da metade da táboa pero que “sempre xoga moi motivado fronte aos conxuntos máis fortes”, asegura Pablo García. Por primeira vez na historia do xadrez en Galicia, as partidas deste encontro serán retransmitidas en directo, a partir das 17.00 horas, a través da páxina web www.webs.uvigo/xadrez. O capitán vigués explica que “a pasada tempada adquiriron os taboleiros electrónicos e o software necesario grazas ao convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra, que quixo premiar o extraordinario labor levado a cabo pola Sección de Xadrez no 2008”.

Descanso no rugby e no baloncesto

Por razóns ben distintas os equipos de rugby e baloncesto non disputaron os seus respectivos encontros. Despois da vitoria fronte ao Belenos, o Ednon TRC, así como todos os equipos da División de Honra, descansará ata o vindeiro 15 de febreiro, data na que se xogarán os partidos correspondentes á decima xornada de liga na que os vigueses se enfrontarán ao Durango. Do mesmo xeito, o equipo B tamén fixo un receso na competición ata o 14 de febreiro, día no que se medirá ao Muralla R. C., último da táboa.
Por outra parte, os encontros que si estaban previstos para a pasada fin de semana foron suspendidos por mor das malas condicións meteorolóxicas. Neste caso, foron os xuvenís de rugby e o Universidade de Vigo de Baloncesto os prexudicados pola toma desta decisión, non obstante, os encontros aprazáronse para datas posteriores.