DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Continúan segundos a un punto do líder

O xadrez vigués avanza confiando nas súas posibilidades

Esta fin de semana venceron ao Liceo Ourense A, un dos pechacancelas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Duvi DUVI 07/02/2011
Paso a paso, o Universidade de Vigo de xadrez segue avanzando cara o seu obxectivo final de poñerse á fronte da División de Honra da Liga Galega. O trámite desta fin de semana foi superado con éxito polos vigueses que se impuxeron 1-5 ao Liceo Ourense A, segundo pola cola da táboa e inmerso na súa propia loita pola permanencia. “Acadamos unha ampla vitoria, algo que se nos estaba a resistir neste inicio de tempada”, recordaba Pablo García, o capitán.

Con este resultado, o Universidade sitúase xa a tan só 1 punto do líder, o Círculo Ferrolano A, equipo que encabeza a clasificación sen terse medido aínda a ningún dos tres clubs que o seguen e verdadeiros candidatos ao título, o Universidade, o Marcote A e o Alexandre Bóveda. Os dous combinados tiveron que medirse entre eles nesta xornada, un duelo que rematou coa derrota do Marcote A, un resultado que supuxo unha boa nova para os vigueses. Deste xeito, o equipo universitario comandado por Pablo García acada unha vantaxe de 1,5 puntos respecto aos seus máis directos perseguidores e de 2 sobre o Alexandre Bóveda.

O 1-5 que quedou no marcador desta fin de semana foi o froito das catro vitorias de Rafael Rodríguez, Avelino Leirós, Tito Estévez e Pablo González, que debutaba na categoría. “O seu triunfo fainos sentir orgullosos do noso proxecto de formación”, salientaba García, quen non foi quen de pasar das táboas. Pola súa banda Miguel Senlle, outro dos canteiráns, cedeu o outro empate do encontro ante David Baltar, un dos mellores xadrecistas galegos dos últimos anos.

Pensando no futuro

Agora, os vigueses teñen que referendar o seu bo momento de forma na vindeira xornada que o sábado 12 de febreiro (17.00 horas) os enfrontará ao Xadrez Ourense A, un equipo da parte media da táboa, no campus de Vigo. “Temos a ocasión de ser líderes”, aseguraba o capitán.

A outra cara da moeda foron os integrantes do equipo escolar do Universidade de Vigo que, nun encontro moi igualado, caeron ante o Fischer Moaña por un axustado 1,5-2,5. Ricardo Baldwin e Jorge Iglesias caeron derrotados, mentres Roi Cabanas firmaba táboas e David Pérez sumaba o único triunfo do conxunto universitario que se medirá, na vindeira xornada, ao Xadrez Bueu A.