DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con dous terceiros e un segundo posto

O xadrez vigués, referente no Campionato Galego Universitario

Os universitarios presentaron nesta cita un equipo de 32 deportistas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 17/03/2011

A solidez que o Xadrez Universidade de Vigo amosa xornada a xornada na Liga Galega confírmao non só o seu segundo posto na clasificación, senón tamén os resultados acadados este mércores no Campionato Galego de Universitario. Cunha numerosa expedición composta por 32 deportistas, tanto federados como promesas, a viaxe a Santiago de Compostela saldouse para o xadrez vigués con dous terceiros postos e un segundo. Esta boa singradura foi recoñecida tamén polos representantes das universidades de Santiago e A Coruña, que recoñeceron o excelente traballo realizada pola sección de xadrez vigués, que permitiu un claro incremento do número de seguidores deste deporte na Universidade de Vigo.

Categoría absoluta e promesas

Tratándose dun deporte en expansión, o Campionato Galego Universitario estableceu dúas categorías, unha para os federados e outra para promesas, poñendo en valor o esforzo realizado nas categorías inferiores. En total participaron no campionato autonómico 49 xogadores, 26 federados e 23 promesas.

No tocante á categoría de federados, a Universidade de Vigo situou no podio como terceiro clasificado a Alberto Eyo, que mantivo un dura loita co santiagués Eduardo García, que se fixo finalmente co primeiro posto, seguido polo tamén santiagués Pablo González. O vigués rematou a competición con 5 puntos fronte aos 5.5 dos representantes da Universidade de Santiago de Compostela.

No tocante á modalidade promoción, as novas promesas viguesas deixaron alto o listón, con catro clasificados entre os seis primeiros, aínda que o primeiro posto se lles escapou das mans. Alberto Vázquez foi segundo, Antonio Rodríguez, terceiro, Daniel Gil, cuarto e Pilar Lago, sexta, converténdose na primeira muller clasificada nesta categoría. A inclusión desta categoría pretende darlle oportunidade de visibilizarse aos xogadores e xogadoras cas escolas deportivas e dos cursos de iniciación e perfeccionamento. Na categoría de federados participaron aqueles xogadores incluídos na clasificación internacional da Federación Internacional de Xadrez co sistema de puntuación ELO, é dicir, que se trata se xogadores que xa participaron con anterioridade en competicións ou ligas federadas, en contraposición coa categoría promoción.

Penúltima xornada da Liga Galega

Esta fin de semana comeza a recta final da Liga Galega de xadrez, con tensión ata o derradeiro partido e tres equipos pelexando na cabeza da táboa movéndose nun marxe de 0.5 puntos de diferenza. Tras o Círculo Ferrolano A, con 36 puntos, está o Universidade de Vigo con 35.5 e o Marcote A coa mesma puntuación, aínda que os universitarios seguen mantendo a súa condición de invictos. Isto beneficia aos vigueses de cara aos play off, no caso dun hipotético empate.

Este sábado agarda aos vigueses o Karpov A, nun encontro na casa ante un equipo que tenta eludir o descenso a dúas xornadas do remate da liga. A cita, ás 17.00 horas na sala de xadrez do Edificio de Deportes, pode ser decisiva para os universitarios, que poden dar un gran paso cara adiante, coa moral moi alta tras vencer a pasada fin de semana ao actual líder e acurtar distancias.