DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor Salustiano Mato gaba a valía docente do intelectual nunha homenaxe na Cidade da Cultura

Xaime Isla Couto, mestre de mestres

Núñez Feijóo destacou a súa “sobriedade, humanidade e humildade”

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 06/07/2012
De ‘mestre de mestres’ cualificou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a Xaime Isla Couto en referencia as súas dotes docentes na homenaxe que nas últimas horas foille tributada ao intelectual galego na Cidade da Cultura. Representantes da vida política, encabezados polo presidente da Xunta, Alberto Nüñez Feijóo, e da cultura galega, déronse cita este xoves para render tributo ao profesor, avogado, economista e político galeguista finado o pasado mes de abril á idade de 97 anos.

Na súa intervención, o reitor da Universidade de Vigo centrouse na actividade docente e investigadora de Isla Couto a quen a institución académica nomeou Doutor Honoris Causa en 1999. “A Don Xaime, como dirían os miles e antigos alumnos e alumnas da Escola de Enxeñaría Industrial, poucas das múltiples actividades que realizou ao longo da súa vida producíronlle tanta satisfacción como a docencia nesa Escola”, destacou Mato. O reitor lembrou que a vocación docente e investigadora naceulle ao intelectual galego durante a súa mocidade, cobrando forza ao entrar no Seminario de Estudos Galegos. Avogado antes que mestre por ditado dun réxime franquista que rexeitaba o seu compromiso galeguista, Isla Couto pronto destacou tamén polo seu labor investigador en economía, faceta que foi quen de compaxinar cunha frenética actividade cultural que o levou a participar na creación da Editorial Galaxia, da Revista Grial e da Revista de Economía de Galicia.

“Visto con perspectiva histórica, o seu traballo é o esforzo máis cabal e fecundo na comprensión da economía galega en todo o século XX, transmitida por un cerebro galego, que pensa e fala en galego, sen complexos estériles”, destacou o reitor para quen Isla Couto é “unha das poucas persoas que representan mellor as nosas raíces, e á vez, o que queremos e debemos ser se temos ambición por construírmos Galicia”.

Facer de Galicia unha casa común

Pola a súa banda o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o traballo de unidade a prol de Galicia realizado por Isla Couto que asegurou que “quería facer dela unha casa común”. Núñez Feijóo que eloxiou a sobriedade, humanidade e humildade do galeguista, a quen chegou a cualificar de “heroe mitolóxico pero humano”, lembrou que o seu legado abrangue desde o pensamento á acción. “Multiplícase como se fose un home-país, e adiántase aos novos tempos con reflexións que levan títulos sorprendentes pola súa anticipación”, afirmou, en referencia a obras como A globalización como marco para o estudio e desenvolvemento da economía galega, O novo desafío cultural para o século XXI ou Los problemas financiero del desarrollo regional.

Nado en Santiago de Compostela en 1915, pero moi vinculado a Vigo e Pontevedra dende hai décadas, Isla Couto combinou o exercicio da avogacía con importantes achegas aos ámbitos da socioloxía, a economía e a organización local, introducindo novidosos conceptos, vixentes aínda na actualidade. Director na década de 1960 da Revista de Economía de Galicia, o labor de Illa Couto tamén se estendeu á galeguización da liturxia. Comprometido co recoñecemento do galego no Concilio Vaticano II, as fondas conviccións espirituais de Isla Couto impulsárono a crear a editorial Sept no ano 1966 desde a que se promoveu a edición da Biblia e o Novo Testamento en lingua galega.

Cofundador da Fundación Penzol e da Fundación Otero Pedrayo e membro da Real Academia Galega , foi creador xunto a súa dona Cristina Novoa e os seus irmáns Manuel e Celso da Fundación Isla Couto, especializada en estudos locais, socioloxía, economía e espiritualidade.