DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de CCSS e da Comunicación participa cun espazo propio nunha emisora universitaria lusa

Unha xanela radiofónica que une Pontevedra e Aveiro

Ao longo do curso, os estudantes realizaron programas sobre música galega e sobre Filgueira Valverde

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 19/05/2015

Que mellor formación práctica pode recibir o alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación cando cursa unha materia de radio que situarse á fronte dun programa? Pois iso é precisamente o que achega aos estudantes desta facultade o proxecto U-Web Radio, que a Universidade de Aveiro desenvolve con Vigo como colaboradora. No marco desta iniciativa, que busca estudar como unha radio online pode contribuír ao fomento dunha “conciencia multicultural” nas comunidades lusófonas, CCSS e da Comunicación conta cunha ventá propia, o espazo A Xanela, desde onde os estudantes achegan esta iniciativa radiofónica á musica galega e á vida e obra do homenaxeado no Día das Letras Galegas neste 2015, o polígrafo pontevedrés Xosé Filgueira Valverde.

Impulsado polo Departamento de Comunicación e Arte (DECA) da Universidade de Aveiro, este proxecto interuniversitario trata de estudar o “potencial que ten o uso de dispositivos móbiles” na transmisión de contidos radiofónicos a través da rede, á vez que trata de fomentar esa “conciencia multicultural a través da interacción entre comunidades do ensino superior que comparten afinidades históricas e lingüísticas”, como explica a profesora Aurora García, coordinadora desta iniciativa na facultade pontevedresa. Para iso, desde a universidade lusa púxose en marcha a radio Decawebex, desde onde, nas tardes dos mércores, emite un programa semanal no que se inclúe o espazo deseñado e presentado polos estudantes do campus. Un programa que “se pode escoitar tanto na propia emisora universitaria como en Internet, onde ademais vanse colgando tamén os diferentes programas para que queden a disposición de todos”, como apunta García.

Unhas valiosas prácticas

U-Web Radio botou a andar o pasado curso académico de man de Aveiro e Vigo, universidades ás que no presente curso se sumaron tamén as de A Coruña, Coimbra e Tiradentes. Foi tamén o pasado curso cando, baixo a coordinación dos docentes Aurora García e Manuel López Torrente e da investigadora Beatriz Feijóo, naceu A Xanela, o espazo co que Ciencias Sociais e da Comunicación participaría nesta iniciativa. Segundo explica García, os contidos deste espazo semanal de 30 minutos articuláronse dacordo "coas directrices que nos propuxo a Universidade de Aveiro” e que pasaban por tentar achegar o alumnado portugués á cultura e á música galega. Así pois, as romarías, lendas, tradicións ou cancións populares centraron os contidos das primeiras entregas deste espazo, que levaron a cabo catro estudantes, “que voluntariamente quixeron participar neste proxecto que fixeron un traballo de moito mérito”.

Mais, para o presente curso, púxose sobre a mesa “a posibilidade de que os estudantes que cursan as materias de radio puideran participar como parte das súas prácticas”, como engade García. De aí que de catro, pasasen a ser máis de medio cento os estudantes, tanto de Publicidade e Relacións Públicas como de Comunicación Audiovisual, implicados neste proxecto radiofónico, convertido nunha “práctica en tempo real”. Nese senso, tanto na materia impartida por García no primeiro cuadrimestre como na que neste segundo tivo como docente a Montse Doval, os estudantes puideron “coñecer como funciona unha emisora de radio en internet”, cambiando os habituais “programas que só soan no propio estudio de radio” por espazos para esta iniciativa interuniversitaria. “Para o alumnado, este proxecto implica un primeiro contacto coa experiencia profesional nun medio de comunicación moi versátil, que contribúe moi eficazmente a súa formación, xa que lles permite poñer en práctica algunhas das competencias adquiridas na carreira”, destaca García.

Unha xanela de música e letras

Neste segundo ano de andaina, A Xanela “comezou xa como un programa máis especializado en música”, para logo sumar tamén unha serie de entregas centradas na figura de Filgueira Valverde. Dado que cada programa é emitido semanas despois de ser remitido a esta emisora, optouse por levar a cabo espazos “un pouco intemporais”, como apunta García, que apunta que aínda son varios os programa pendentes de envío e emisión para pechar esta segunda tempada da Xanela.

Por este motivo, buscouse que o achegamento que A Xanela está a realizar á figura de Filgueira, estivese máis centrado na súa traxectoria que nos propios actos que se promoveron con motivo do Día das Letras. De feito, houbo espazos tanto centrados na súa biografía como na súa obra literaria, traxectoria política ou labor cultural e académico, así como outros relativos ao seu legado na cidade de Pontevedra ou mesmo á lírica medieval, á que dedicou a súa tese de doutoramento o polígrafo pontevedrés.