DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O mínimo emprego de enerxía e recursos, obxectivo dos técnicos de Medio Ambiente

Xardinería biolóxica para unha xestión sinxela das zonas verdes

O campus recicla nos propios xardíns os residuos vexetais derivados da poda e a caída da folla

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 21/12/2010
Os membros da comunidade universitaria e ourensáns en xeral que paseen estas semanas polos xardíns do campus de Ourense sorprenderanse de ver como as follas caídas co outono continúan cubrindo amplas zonas verdes e como ao lado de cada árbore se forma un feixe coas pólas que se lle podaron ou se lle coloca unha capa de algo similar ao serrín. Non son actuacións puntuais senón técnicas que forman parte do sistema de xardinería biolóxica que a Oficina de Medio Ambiente (OMA) aplica nos terreos do campus co obxectivo de realizar “unha xestión rendible e sinxela na que usamos o que temos, que é o biolóxico”, segundo salienta o responsable de xardinería e zonas verdes, José Manuel Pérez.

O campus de Ourense conta cun xardín que data de principios do século XX no que na actualidade conviven unha numerosa comunidade universitaria, árbores que están aí desde a súa orixe, como 160 plataneiros, e novas especies que van diversificando a súa riqueza natural. Para harmonizar o seu mantemento co seu uso, desde a OMA levan a cabo unha xestión biolóxica na que se valoran especialmente as técnicas naturais, que respectan no máximo posible as dinámicas da natureza, tendo en conta sempre as esixencias de hixiene e seguridade que require un espazo tan transitado como o campus. O seu obxectivo non é acadar o típico césped-xardín impoluto senón un espazo ben xestionado desde o punto de vista medioambiental.

Esta xestión baséase, segundo nos explica José Manuel Pérez, “na estratexia de empregar a mínima enerxía e recursos externos na xestión dos espazos verdes a través da reciclaxe in situ dos residuos vexetais que se xeran nestas zonas”. Isto tradúcese en que cando se realiza a corta da herba co cortacéspede a folla cortada non se recolle, senón que se deixa esparexida sobre o terreo para que se vai incorporando de novo á terra. Ademais as follas caídas agora en outono son en boa parte trituradas para devolver en forma de abono ao pé das súas árbores ou como acolchado para outras zonas.

Praderías ornamentais en lugar de céspede

A idea é, segundo salienta José Manuel Pérez, “devolverlle ás árbores e ás plantas os seus propios nutrintes, procedentes das súas follas”. Unha técnica que lles permite prescindir de recorrer a calquera outro tipo de abono externo salvo casos excepcionais e que se poden realizar dun modo sinxelo no propio campus. A mesma táctica se aplica no que respecta ás pólas, que tamén son reutilizadas para, entre outras cousas, facer cestos de contención para noiros ou árbores, cestos que co tempo se van degradando e achegportan nutrintes á contorna.

Como indicios do éxito desta estratexia, David Taín, técnico da OMA, amosa un dos tritón xaspeados que no proceso de reciclaxe de residuos se atopan entre as follas. “O feito de atopar aquí tritóns significa que a zona está moi ben desde o punto de vista ambiental, pois os animais son biomarcadores dela”, explica.

Para chegar a este sistema, no campus de Ourense probáronse técnicas tradicionais de corte e tratamento dos residuos noutros lugares pero, por optimización de recursos e enerxía, finalmente estase a consolidar o tratamento in situ e a naturalización dos espazos. “Hai xente que non entende esta filosofía, que ve o estanque e din que é unha charca, pero é que unha charca non é nada negativo, é riqueza natural”, salienta José Manuel Pérez. Para os que agardarían ver un céspede perfecto, puntualiza que o que existe no campus non é céspede, senón “praderías ornamentais”, nas que a herba de céspede se vai mesturando con herbas autóctonas e dan lugar a uns espazos verdes que son capaces de soportar o intenso circular de persoas que se produce no campus.