DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro día 13 porá en órbita nove satélites, entre eles o da Universidade de Vigo

XaTcobeo chegará ao espazo a bordo da lanzadeira máis versátil e lixeira de Europa

Vega é froito da colaboración entre a Axencia Espacial Europea (ESA) e sete Estados membro, con Ital

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 08/02/2012

Catorce anos de traballo e case 800 millóns de euros para acadar a lanzadeira máis versátil e máis lixeira de Europa: mide tan só 30 metros e pesa 137 toneladas, cinco veces menos que o seu irmán maior, Ariane 5. Vega estreará misión o vindeiro 13 de febreiro levando a bordo nove satélites europeos, entre eles o XaTcobeo, desenvolvido por 60 estudantes e 32 profesores da Universidade de Vigo. Froito da colaboración entre a Axencia Espacial Europea (ESA) e sete Estados membro (Bélxica, España, Francia, Italia, Países Baixos, Suecia e Suiza) coa Axencia Espacial Italiana (ASI) como director de orquestra, Vega completa a gama de lanzadeiras europeas cun foguete ideado para misións científicas, tecnolóxicas e de observación da Terra e con capacidade para porxectos múltiples. Un aparello “seguro, fiable e competitivo”, segundo cualificou Julio Monreal, experto en foguetes da axencia europea.

O despegue dende a base da ESA en Kourou, na Güiana francesa, suporá unha etapa clave dentro do programa de desenvolvemento deste foguete lixeiro: servirá para cualificar o sistema de lanzamento (incluíndo vehículo, infraestrutura e operacións) dende o inicio da campaña ata a separación da carga útil e o refugado do módulo superior. Unha das principais vantaxes que presenta Vega é a súa gran flexibilidade, xa que poderá levar adiante misións e cargas útiles moi diversas para responder ás diferentes oportunidades de mercado. Nestes intres, a industria española xa participa no proxecto a través de sete grandes empresas do sector aeroespacial lograron contratos por un importe de case 40 millóns de euros.

Carga múltiple

Nas entrañas de Vega irá XaTcobeo, un picosatélite ideado na Universidade de Vigo que dotará ao aparello dun software de radio que se pode volver configurar durante o voo, dun sistema para comprobar como afectan as radiacións aos transistores a uns 1500 quilómetros de altura e dun innovador mecanismo de despregue de paneis solares. “Este proxecto é un exemplo de colaboración entre un organismo público de investigación como o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e unha universidade, un proxecto que capacita aos estudantes para enfrontarse a complexos desafíos no mundo empresarial”, destacou Fernando Aguado, un dos directores do traballo. O satélite é só unha das incursións que a universidade viguesa está a facer no mundo aeroespacial, xa que no 2010 foi elixido como núcleo central de operacións en Europa de GENSO, a nova rede mundial de satélites non comerciais en bandas libres.

Xunto ao CubeSat galego e como equipaxe de Vega irán tamén outros sete nanosatélites desenvolvidos nas universidades de Budapest, Varsovia, Bucarest, Turín, Montpellier e La Sapienza (Roma). A carga completarase con dous satélites principais deseñados en Italia: LARES, construído pola ASI para facer un ensaio sobre a distorsión espazo-temporal segundo a relatividade, e ALMASat 1, desenvolto pola Universidade de Bolonia.