DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi o picosatélite co que arrancou a carreira aeroespacial da Universidade de Vigo

O XaTcobeo conclúe a súa misión

Desintegrouse ao entrar en contacto coa atmosfera este domingo, tras dous anos e medio en órbita

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/09/2014

O 13 de febreiro de 2012 foi lanzado ao espazo dende a Güiana Francesa. Dúas horas despois comezou a emitir amosando que todo ía ben e comezaron entón máis de dous anos e medio de intenso traballo recibindo datos, validando tecnoloxías e enviando ordes. O XaTcobeo e o equipo conformado por docentes e estudantes das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñaría Informática e Enxeñería Industrial e o INTA converteron a Vigo en pioneira no eido aeroespacial, sendo a primeira universidade en construír e lanzar un CubeSat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea. Pero a súa misión acabou este domingo, tras completar 13623 órbitas arredor da Terra e deixa a remuda en mans do HumSat-D.

Dende a estación de control da EE de Telecomunicación foron seguindo a súa evolución e comprobando como nos últimos meses a súa órbita ía sendo cada vez máis baixa ata entrar na atmosfera o domingo 31 de agosto ás 14.00 hora española aproximadamente sobre Australia. Ata ese momento mantívose en contacto co equipo de enxeñeiros da Universidade enviando e recibindo datos. De feito, o derradeiro pase do XaTcobeo por Vigo tivo lugar o pasado venres.

Entre a ledicia do traballo ben feito e a tristura da despedida, os membros do equipo valoran a experiencia moi positivamente, e é que o XaTcobeo foi un picosatélite de récords. A súa vida útil inicial estimábase en tres meses, que se foron alongando para ledicia dos investigadores ata os máis de dous anos e medio, máis de 900 días. Foi, de feito, o segundo satélite español que fai a súa reentrada, tras a realizada en 2002 polo Minisat. O profesor Fernando Aguado explica que o satélite vigués desintegrouse totalmente, cumprindo cos requisitos da Axencia Espacial Europea para evitar a xeración de lixo espacial, de igual xeito que o fará o Humsat-D.

Para outro dos investigadores do proxecto, José Antonio Vilán, o XaTcobeo foi como un fillo, “mirámolo nacer, crecer, subir ata unha órbita moi dañina cun apoxeo de máis de 1500 kms, sufrindo os perigosos radiantes aneis de Van Allen, comunicar con nós na Terra e aguantar o tipo máis de dous anos e medio cando só esperabamos que aguantase uns meses”. O campus de Ourense tivo, a través de investigadores e estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática, presenza nesta experiencia. O profesor Arno Formella destaca que “o proxecto do Xatcobeo foi o primeiro no que participamos e polo tanto foi para todos nós moi emocionante e moi interesante traballar nel. Supuxo o inicio de algo que agardamos sexa máis grande”. Pero o pouso que queda é de total satisfacción, “reportou as máis grandes alegrías que nin sequera podíamos soñar e foi o inicio de algo que penso chegará a ser moi grande na nosa Universidade de Vigo”, conclúe Vilán.

Unha firme base para proxectos futuros

O XaTcobeo constitúe unha firme base para outros proxectos aeroespaciais da Universidade de Vigo. Como exemplo, o profesor Aguado subliña que o XaTcobeo “tardouse en fabricar máis de catro anos, mentres que no Humsat-D, aplicando os mesmos niveis de calidade, tardouse menos dun ano”. Como proxecto eminentemente educativo, foi tamén un base formativa moi importante para preto de 60 alumnos e alumnas das diferentes escolas de enxeñaría da Universidade. Un deles é Diego Nodar, que participou neste proxecto dende que arrancou ata que rematou, e destaca que “a falta de experiencia profesional suplímola con moita ilusión, moitas ganas de aprender e, sobre todo, moitísimo traballo”. Dende o seu punto de vista, este “bo acoplamento” dun grupo tan numeroso “foi unha das claves de que XaTcobeo puidese ser concluído con éxito”. Mentres algúns deles continúan ligados aos proxectos aeroespaciais da Universidade de Vigo, como é o caso de Diego Nodar, outros continuaron a súa traxectoria profesionais nas principais axencias espaciais e empresas do mundo. Pero subliña que “os novos proxectos que xurdan terano bastante máis fácil para triunfar grazas ao pequeno pero importante satélite XaTcobeo”.

Superadas as expectativas

A vida útil do XaTcobeo estimada era inicialmente de tres meses, pero a realidade superou con creces esta estimación. Fernando Aguado explica que esa previsión baseábase en que o picosatélite ía “soportar niveis extremos de radiación nos primeiros meses e ía estar sometido durante toda a misión a cambios extremos de temperatura”. Pero durante o proceso de enxeñaría e aplicación dos estándares de calidade, “realizouse o deseño tendo en conta o peor dos casos, o que permitiu estender neste caso a recepción do satélite ata o último día”.

As orixes do proxecto

O XaTcobeo ten as súas orixes en 2007 cando a ESA puxo en marcha o proceso de selección dun grupo de cubesats europeos para incluílos posteriormente no voo inaugural da lanzadeira europea Vega. O INTA propuxo á Universidade de Vigo a realización dun proxecto conxunto, coordinado polo profesor Fernando Aguado e financiado pola empresa pública Retegal e o Plan nacional do espazo. En xuño de 2008 comezou o proceso de deseño e fabricación para en febreiro de 2012 converterse no primeiro satélite desenvolvido en Galicia. Esta colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial é cualificada por Aguado como “moi satisfactoria, que nos permitiu facer un proxecto de calidade”.

Cunhas dimensións de 10x10x10 cm3, o XaTcobeo abriu a senda aeroespacial na Universidade, unha senda que continúa co Humsat-D, en órbita dende novembro de 2013 e cunha vida estimada dun ano. Neste caso semella tamén que as expectativas veranse superadas, xa que “todos os datos que estamos recibindo fan que sexamos optimistas para acadar e superar” esta previsión. Ademais, debido á súa órbita, pasarán case 25 anos ata a súa reentrada. En carteira está tamén o Femtoxat, que se lanzará probablemente o vindeiro ano.