Dependente da Asociación Europea de Economistas Ambientais e dos Recursos, EAERE
Xavier Labandeira, novo secretario xeral do Policy Outreach Committee
A súa misión é, entre outras, a de achegar o traballo dos especialistas aos decisores políticos
O director de Ecobas, Xavier Labandeira, acaba de ser nomeado novo secretario xeral do Policy Outreach Committee da Asociación Europea de Economistas Ambientais e dos Recursos, EAERE, polas súas siglas en inglés. Labandeira asumiu o cargo o pasado día 1 tomando o relevo de Simone Borghesi, quen á súa vez ostenta agora a máxima responsabilidade na asociación, tras ser elixido presidente.
Como entidade asociativa no eido científico international, EAERE traballa cos obxectivos de contribuír ao desenvolvemento e aplicación da economía climática, ambiental e dos recursos como ciencia en Europa; estimular e mellorar a colaboración e a comunicación entre o mundo académico, o persoal investigador, os decisores políticos e o estudantado da economía ambiental, climática e dos recursos nos diferentes países de Europa, así como para desenvolver e estimular a cooperación entre universidades e centros e institutos de investigación en Europa.
1200 membros en 60 países
O Policy Outreach Committee (POC), que agora lidera Xavier Labandeira, foi creado en 2018 e a súa misión é a de achegar o traballo dos expertos e expertas da economía ambiental, climática e dos recursos aos decisores políticos; buscar a súa relevancia na axenda pública; e posicionar a entidade a nivel internacional como stakeholder de referencia para o deseño das políticas públicas e os programas de investigación neste eido.
Fundada en 1990, EAERE conta cuns 1200 membros en 60 países, pertencentes a institucións académicas e científicas, organizacións internacionais, sector público e mundo empresarial. Pódese formar parte desta asociación a título individual, aquelas persoas que pola súa profesión, formación ou función están involucradas na ciencia da economía ambiental, climática e dos recursos, así como a institucións que operan en conexión cos obxectivos da asociación.