DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse do 5 ao 8 de marzo no Edificio Miralles

As Xeiras cumpren un lustro reivindicando o dereito a vivir en galego

Entre os convidados estarán Morris, Anxo Louzao, Miguelanxo Prado, Kiko Dasilva ou Leo i Arremecágho

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 27/02/2013
Cinco anos xa en defensa do idioma e reivindicando o dereito a vivir en galego. As Xeiras sobre a lingua cumpren un lustro achegando á comunidade universitaria a realidade do idioma propio en todas as facetas da vida e fano cunha edición que terá catro días de duración e uns contidos que se achegarán ao eido audiovisual, á poesía, ás novas tecnoloxías, ás linguas minorizadas, a ecoloxía, a moda ou o feminismo, entre outros temas. Detrás desta iniciativa está a asociación estudantil Comités que cada ano marca esta cita no almanaque co fin de mobilizar á mocidade universitaria arredor da lingua. Para iso contarán coa presenza de expertos en diversas áreas, debates, mesas redondas e relatorios pero tamén con actividades musicais e lúdicas. Entre os convidades deste ano estarán os actores Monti Castiñeiras, Antonio Durán ‘Morris’, o secretario nacional da CIG Ensino, Anxo Louzao, o músico Leo i Arremecághona ou os debuxantes Miguelanxo Prado e Kiko Dasilva.

Beatriz Pérez, representantes dos Comités explica que nesta quinta edición decidiuse ampliar o programa a catro días, cun total de 30 horas de actividades fronte ás 20 de anos anteriores. Ata o momento, das 120 prazas ofertadas teñen xa cuberto o 50% e agardan que días anteriores á celebración das xornadas a cifra aumente a niveis de anteriores edicións. Sobre os contidos, esta estudante de 5º de Tradución e Interpretación explica que “a nosa idea é falar do galego en todos os eidos, defender o dereito a vivir en galego en todos eses eidos, que van dende ensino, tan atacado na actualidade polas medidas dos gobernos autonómico e central, ata a música, o medio ambiente ou o sector audiovisual”. Precisamente serán novidade nesta quinta edición temas como a nevegación web en galego, a moda ou o feminismo, coincidindo a mesa redonda sobre este tema coa celebración do Día da Muller o 8 de marzo.

Retransmitidas en directo por UVigoTv, as Xeiras estarán arroupadas no xoves pola campaña Gústame o galego, unha iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua a través da que cada quen pode deixar constancia de porque lle gusta o galego. Pola mañá instalarase no Centro Comercial e pola tarde no Edificio Miralles.

Programa

O programa das Xeiras, que conta co apoio da Área de Normalización de Lingüística e da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, comeza o martes cunha mesa redonda sobre as linguas minorizadas, na que se abordará o caso do galego, o bretón e o catalán. Esta primeira xornada terá un contido especialmente centrado no sector audiovisual, cunha mesa sobre as curtametraxes e outra sobre as series galegas, con Monti Castiñeiras, Antonio Durán ‘Morris’. Tras o debate sobre a normalización do galego no ensino, terá lugar, para pechar o primeiro día, o espectáculo Os Discurshows, no que se mestura divulgación científica e humor.

O mércores, no que tan só haberá sesión de tarde, comezarán as actividades coa proxección de O Apóstolo, para continuar co relatorio sobre o idioma na rede e o concerto de Leo i Arremecághona.

O xoves o programa inclúe relatorios sobre os bloques dialectais e sobre o galego nos servizos públicos, un obradoiro de regueifas con Pinto de Herbón e Benito Lobariñas e pola tarde dúas mesas redondas, unha sobre ecoloxismo con Cemma e Adega, con especial fincapé no proxecto do parque eólico na serra do Galiñeiro, e outra sobre a moda na Galiza, na que tomarán parte os fundadores do Rei Zentolo e de Cabuxa e estudantes de Esdemga. A xornada péchase co recital de Poetas da Hostia.

A derradeira xornada será só de mañá e comezará cunha reflexión sobre o feminismo en galego para continuar cunha mesa sobre a banda deseñada con Miguelanxo Prado e Kiko Dasilva, un relatorio sobre os dereitos lingüísticos da man da Mesa pola normalización lingüística e a presentación de Sermos Galiza, coincidindo co aniversario deste medio.

O prazo de inscrición estará aberto ata o luns 2 de marzo.