DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras tres días as xornadas “Dálle á lingua” remataron cunha sesión sobre o audiovisual

As Xeiras da lingua baixan o pano cun firme compromiso para impulsar o galego

Antón Dobao, Ignacio Vilar y Carlos Ares, participaron nunha mesa redonda

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/04/2009

Coa invitación ao estudantado por parte do voceiro dos Comités, Iago Varela, de crear “un movemento co obxecto de darlle pulo ao galego” finalizaron as Xeiras sobre a lingua galega que durante tres días tiveron lugar no Edificio Miralles. Tres xornadas ao longo das que un cento de estudantes compartiron as inquedanzas e puntos de vista que sobre a lingua teñen representantes do mundo das artes, a literatura ou os medios de comunicación.
Varela, como voceiro da organización responsable da organización das Xeiras, valorou de xeito moi positivo o que definiu como “un espazo para o debate” no que se puxo en evidencia o interese que a situación do galego esperta entre o alumnado ao que agradeceu a súa participación. Estudantes aos que, pola súa banda, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, animou a “darlle moito uso á lingua” e a ter en conta que “cada decisión que tomamos no presente modifica os futuros posibles”.
Na clausura das Xeiras, que se produciu trala proxección de A Mariñeira de Antón Dobao e unha mesa redonda sobre o audiovisual galego na que tomaron parte o propio Dobao, e mailo director Ignacio Vilar e o guionista, Carlos Ares, foron Varela e Area os encargados de pechar as xornadas.
Na súa intervención que comezou recitando uns versos do poema Deitado fronte ó mar de Celso Emilio Ferreiro, o voceiro dos Comités expresou a súa satisfacción pola resposta que as xeiras recibiran por parte do estudantado , “a semente agromou”, dixo Varela, que tamén apelou á unidade para defender a lingua.
Mentres, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, optou na súa intervención por un discurso situado no futuro, nun hipotético 2115, desde o que lembraba que cen anos atrás “en nome da liberdade reivindicouse o dereito a non querer saber galego”, unha debate superado despois da argumentación de científicos que sinalaron a necesidade de reflexionar sobre o “o único coñecemento inútil é o que non se ten”. Tras destacar o traballo de defensa a prol da cultura tradicional realizada pola sociedade civil e outros colectivos como os Comités, Area botou man de Einstein e Hawking para se referir aos intervalos nulos e ás zonas do espazo- tempo que teñen relación de causalidade coa nosa. Neste sentido o vicerreitor sinalou que “se ben hai aspectos que están fóra da nosa posible causalidade existen moitísimos infinitos que si dependen da nosa posición actual e do que fagamos. O que ti fas importa. O que todos facemos importa”, aseverou Area.

O cómo e o porqué de Air Galicia

A proxección de A mariñeira, película de Antón Dobao baseada nun conto de Darío Xohán Cabana, abriu a derradeira xeira, centrada no audiovisual galego. O propio Dobao referiuse a súa película, na mesa redonda celebrada deseguido, como “unha obra humilde e sinxela, baseada nun conto, pero na que se introducen personaxes de actualidade coa finalidade de reflexionar sobre cuestións como a utilidade da memoria histórica”.
Xunto a Dobao, tomaron parte na mesa redonda, o tamén director Ignacio Vilar e o guionista Carlos Ares. A creación dunha rede alternativa de distribución, a gratuidade ou non da cultura ou as relacións audiovisuais entre Galicia de Portugal, foron algúns dos temas tratados, nunha sesión que volveu contar cunha destacada participación do alumnado. Tampouco faltou tempo para aclarar curiosidades tales como a realización da sección de Air Galicia na que se funden os personaxes do programa e políticos galegos. O guionista Carlos Ares explicou que o segredo non é outro que “a mestura da gravación de anacos escollidos dos debates do Estado de Autonomía con gravacións dos actores do programa que se realizan nun set formado por catro ou cadeiras do propio Parlamento de Galicia”. Preguntado se o programa gustáballe aos políticos e se continuará emitíndose tralo cambio de goberno, Ares asegurou que só coñecía a opinión de Anxo Quintana, “a quen lle gustaba”, mentres dixo descoñecer o futuro do programa do que quedaban aínda seis capítulos sen emitir.

Unha cultura non gratuíta pero que chegue a todos

A creación dunha rede alternativa de distribución das obras audiovisuais creadas en Galicia, foi unha demanda na que coincidiron os tres participantes na mesa redonda. Antón Dobao solicitou abertamente que “en vilas e cidades do país haxa locais para exhibición á marxe das grandes distribuidoras”. Unha demanda que Ignacio Vilar, director de Pradolongo, defendeu asegurando que “cómpre crear unha rede de cine comercial paralelo ao norteamericano que xa acabou, incluso, co cinema europeo”.
Outra cuestión na que os tres representantes do audiovisual coincidiron foi na non gratuidade dos produtos culturais, unha posibilidade sobre a que Ignacio Vilar foi contundente asegurando que “a cultura non pode ser gratuíta por que sería desprezar o produto”.

A Eurorrexión audiovisual

As relacións que manteñen Galicia e Portugal no referido ao intercambio dos seus produtos culturais, ocupou parte do debate posterior á mesa redonda. Antón Dobao foi o máis contundente á hora de expresar a súa opinión denunciando que “os acordos para poder sintonizar canais de televisión lusos non parecen interesar moito, aínda que é un problema político”. Dobao tamén expresou o seu desexo de que no seo da Eurorrexión poidan xerarse relacións culturais.