DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración da olimpíada galega desta disciplina na que participaron máis dun cento de rapaces

A xeoloxía reivindica o seu lugar no sistema educativo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. / M. Del Río DUVI 14/02/2012
Máis dun cento de rapaces e rapazas de toda Galicia participaron este martes na fase galega da Olimpíada de Xeoloxía, unha competición científica que xurdiu hai tres anos para reivindicar o papel que esta disciplina está a perder no sistema educativo tras as sucesivas reformas. A ETS de Enxeñaría de Minas acolleu a celebración das probas teóricas e prácticas ao longo da xornada, que se conxugaron con actividades máis lúdicas como unha demostración de escaneado láser 3D ou un obradoiro de visión estereoscópica, así como estudos de terreo con ortofotos e estereoscopos e a visita a unha exposición da Sociedade Minerolóxica Galega.

Natalia Caparrini, subdirectora da escola, era a encargada de recibir aos 106 participantes nesta olimpíada, procedentes de 10 colexios e institutos de toda Galicia e destacaba a estreita relación do centro coa xeoloxía e apuntaba a posibilidade de que estas probas “poidan espertar vocacións entre os participantes” e que rematen volvendo como alumnos da ETSE de Minas, “centro de referencia na comunidade autónoma neste campo”.

Na organización deste evento participan a Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra, o Colegio de Geólogos e a Sociedad Geológica Española. Nesta edición autonómica colabora por primeira vez a ETS de Enxeñaría de Minas e “premiaranse a aqueles que rematen nos catro primeiros postos tras a avaliación teórica e práctica”, como explica Alicia López, representante da AEPECT. Ademais, estes serán os encargados de representar a Galicia na Olimpíada Nacional que se celebrará en Santander o vindeiro 24 de marzo. A súa vez, os que resulten gañadores da edición nacional conformarán o equipo español que participe en Bos Aires na Olimpiada Internacional de Ciencias de la Tierra.

Anteriores edicións

En 2011, os catro representantes galegos quedaron entre os 15 mellores de España, chegando unha das alumnas a participar na fase internacional celebrada en Italia. Segundo explica Caparrini, a idea de organizar estas olimpíadas “xurdiu como medio para reivindicar o papel da xeoloxía na educación, porque tras as reformas educativas relegouse a un segundo plano”. Dalgún xeito o que se tenta é espertar tanto entre os profesores coma entre o alumnado, a ilusión polas ciencias da terra, “explicar, dar a entender que é unha disciplina cunha actividade moito máis próxima e útil do que se percibe, e podémolo comprobar tras sucesos coma o a erupción da illa de El Hierro, terremotos... etc”, explica a subdirectora da escola.

A experiencia, de primeira man

Os máis de 100 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato que tomaron parte da iniciativas amosábanse ansiosos e nerviosos antes do comezo das probas. Quedaba por diante un día intenso de test teóricos e prácticos e unha curta espera para coñecer os gañadores ao final da xornada. Paula Pérez Queiruga, de 16 anos e estudante de 1º de Bacharelato en Ribeira, explica que sempre lle gustou a xeoloxía e “en canto souben desta Olimpíada non dubidei en matricularme. Estou algo nerviosa porque teño medo de que saia algo mal, pero é unha moi boa oportunidade”. Tamén Nuria González Figueiras, compañeira de clase de Paula valora moi positivamente a experiencia, explica que foi o seu profesor o que as animou a participar, como é o caso da maioría dos matriculados. Para Juan Luís Allo, tamén alumno de 1º de Bacharelato en Vilanova de Arousa, supuxo unha gran oportunidade. “Emocioneime moito cando souben que se celebraba unha olimpíada deste xeito, tiña moito interese por participar e agora que estou esperando pola segunda quenda para facer as probas, estou bastante nervioso”.

Estes rapaces, como Sheila García e Lidia Paramos, ambas de 17 anos e de do IES Xulián Maragiños, de Negreira, son un exemplo de que esta disciplina gusta, que segue espertando vocacións. “Gústanos a xeoloxía e dásenos bastante ben”, apuntan, e “consideramos que é unha moi boa oportunidade para nós”.
Ás 19.00 horas da tarde remataba a incerteza e desveláronse os nomes dos que serán os representantes galegos na fase nacional.