DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun novo curso de formación permanente da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás

Xeometría en 3D para facilitar o ensino das matemáticas, a tecnoloxía e o debuxo

O prazo de matrícula estará aberto ata o 9 de abril

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 26/03/2010

A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás ofrece un novo curso de formación permanente, desta volta co obxectivo de achegarlle aos asistentes unha ferramenta informática para traballar con xeometría dinámica na docencia e poder así facer máis comprensible nas aulas todas aquelas materias relacionadas con esta disciplina, desde as matemáticas, á tecnoloxía e ao debuxo técnico. Xeometría dinámica con Cabri Geometre é o título desta actividade formativa, centradas neste software que permite crear de forma sinxela desde figuras xeométricas básicas ata máquinas ou estruturas máis complexas, mesmo animadas e en 3D.

Unha ferramenta útil no ensino primario, secundario e universitario

Tal e como explica o profesor do curso, Xabier Lorenzo Abalde, o Cabri non é un programa para facer debuxo profesional, senón unha ferramenta de orientación didáctica para o ensino de todas aquelas materias relacionadas co debuxo técnico. En función destas características, comenta o docente, este programa “é moi útil no ensino primario e secundario, permitíndolle ao alumnado facer figuras ou resolver problemas e aos profesores xerar recursos gráficos para poñelos a disposición dos estudantes e doutros docentes a través de aulas virtuais”. Ao mesmo tempo, Lorenzo sinala que ten múltiples aplicacións no ensino universitario en todas as titulacións de enxeñaría, en arquitectura ou mesmo en Belas Artes, porque permite facer modelos de máquinas ou de calquera outra estrutura complexa.
Así mesmo, o docente subliña as vantaxes da xeometría dinámica fronte ao papel, posto que todos os elementos dunha estrutura están relacionados entre si e cando se cambia un factor nun deles, modifícanse todos os demais, simplificando o traballo.

Destinatarios e contidos

O curso ten, polo tanto, unha perspectiva moi aberta e está dirixido tanto a estudantes como docentes e a todas as persoas que queiran desenvolver algo con debuxo técnico. Neste sentido, para acceder a el non se precisan coñecementos previos do software ou de xeometría dinámica, pero Xabier Lorenzo indica que si é pertinente ter un nivel medio en debuxo técnico.
Comezará cunha introdución breve á xeometría dinámica e ao programa informático Cabri Geometre, á súa contorna gráfica, menús, ferramentas e área de traballo. Verase, ademais, como desenvolver xeometrías planas e descritivas con Cabri, así como o xeito para facer animacións con este software, construír e usar marcos para aplicalos en xeometría e aprender a publicar applets de Cabri na web. Finalmente achegaranse as claves para empregar a xeometría dinámica como recurso didáctico.

Horarios, prazas e matrícula

O curso desenvolverase desde o 10 ata o 24 de abril, os xoves pola tarde en horario de 19.00 a 21.00 e os sábados pola mañá de 10.00 a 13.00. Ofértanse un total de 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. A matrícula pode formalizarse a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual ata o día 9 de abril e é totalmente gratuíta.