DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As prazas para a introducción a Processing xa están cubertas

A xeometría dinámica e a programación creativa, nos novos cursos da Aula Tecnolóxica

O prazo para a iniciación a Cabri Geometre remata mañá

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 18/02/2009

A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás acolle dous novos cursos durante os meses de febreiro e marzo. Desta vez, a xeometría dinámica e a programación serán as habilidades que se desenvolverán nos cursos que, como xa vén sendo habitual, cubriron boa parte das prazas, 20 en cada un deles, no primeiro día. De feito, o dedicado á introdución da plataforma Processing xa ten tódalas prazas cubertas. No que aínda quedan algunhas libres é o no Xeometría dinámica con Cabri Geometre, cuxo prazo remata este mércores. A inscrición, gratuíta, pode facerse a través da Aula de Posgrao Virtual.

Xeometría dinámica

O programa de xeometría dinámica Cabri Geometre é un ferramenta empregada no ensino de xeometría, útil tanto para o alumnado que o pode empregar para resolver problemas ou construír figuras, como para os profesores, como material explicativo ou como fonte para deseñar recursos. O curso, que se desenvolverá do 19 de febreiro ao 7 de marzo os xoves, en horario de 19.00 a 21.00 horas e os sábados de 10.30 a 12.30 horas, é unha boa oportunidade para coñecer as posibilidades da xeometría dinámica fronte á de papel. O alumnado non só aprenderá a manexar o programa senón que, segundo indica o profesor, Xabier Lorenzo, “estudaranse as posiblidades da xeometría dinámica, independentemente do programa co que se traballe”. Comprender o modo en que unha figura está construída é un dos maiores beneficios que os estudantes que traballen con este software poden quitar xa que “aprenden a interpretar non só o resultado final senón todo o proceso de construcción”. Para acceder ao curso non se precisan coñecementos previos do software ou de xeometría dinámica pero Lorenzo indica que aqueles que dispoñan dun “mínimo de coñecementos de debuxo técnico, obviamente, poderán obter maior rendemento”.

Programación creativa con Processing

A introdución á programación creativa a través da plataforma Processing é o obxectivo do segundo curso que usará unha linguaxe sinxela para unha aprendizaxe rápida e versátil. De feito, o que se busca é que os conceptos aprendidos sirvan tanto para o deseño gráfico, a escena artística, a representación de datos ou a creación de sinxelas simulacións de conceptos de matemáticas, física ou xeometría. O director dos cursos da Aula Tecnolóxica, Alberto García Ariza, será o encargado da docencia e explica que Processing "está orientado a artistas e deseñadores, pero tamén serve para facer bocetos sinxelos como a creación de pequeñas aplicacións interactivas ou simulacións". Ademais de aprender a usar Processing como ferramenta básica, no curso tamén se desenvolverán "algúns conceptos básicos de programación de calquera linguaxe" o que permitirá que se convirta nun primeiro paso para migrar á programación con outras linguaxes.
O curso está programado con vistas ao futuro xa que está previsto que se celebre unha edición posterior, cun nivel superior, no que a plataforma sexa empregada como ferramenta para o deseño de espazos interactivos. As clases comezarán o 20 de febreiro e rematarán o 27 de marzo e desenvolveranse os venres en horario de 19.00 a 21.00 horas.