DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Clausura do ciclo de charlas preprofesionais en Belas Artes coa comisaria italiana Giovanna Giusti

A xestión da arte tamén é cousa de artistas

O alumnado coñeceu as posibilidades laborais que ofrecen museos e exposicións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 27/05/2011

Aínda que o máis importante dunha exposición de arte son as obras que lle dan sentido, pois concentran todas as miradas e reflexións, o certo é que ninguén repara en todos os trámites necesarios para que o proxecto vaia adiante. Para que o alumnado dos últimos cursos de Belas Artes si sexa consciente deste labor de xestión, dende a facultade organizaron un ciclo de charlas preprofesionais “cunha visión pragmática”, que hoxe se clausura coa conferencia de Giovanna Giusti, comisaria da Galería Uffizi de Florencia sobre a construción e organización de exposicións.

Presentada polo decano Juan Carlos Meana, Giovanna Giusti achegoulles aos presentes o esforzo, o labor e a dedicación que implica ser comisaria de exposicións, referíndose á última que dirixiu, titulada Autoritratte, Artiste di capriccioso e destrissimo ingegno, para a que tivo que revisar toda a sección da obra feminina de retratos dos museos de Florencia. “De 1700 obras rescatáronse un 7% dos autorretratos máis orixinais”, comentou a convidada, conseguindo un amplo abano de obras “nas que se amosan as distintas visións que as artistas tiveron delas mesmas”. Silvia García, vicedecana de Cultura e Relacións Institucionais da facultade, quixo salientar a carga de traballo e de responsabilidade que supón a selección de obras de arte nun dos museos “que contén as coleccións máis antigas e famosas do mundo”.

Giovanna Giusti tamén falou da Galería Uffizi, “un pazo en Florencia rematado en 1581 para almacenar as pezas de arte da familia dos Medici”. A través dunha visita virtual polos distintas salas, os presentes puideron comprobar “o gran patrimonio artístico que contén e a propia beleza do edificio”.

O museo como nicho de emprego

Coa visita de Giovanna Giusti, Silvia García, coordinadora das charlas, quixo presentarlle ao alumnado do último curso de Belas Artes outras posibilidades laborais máis aló da docencia en educación secundaria, “pois moitos optan por opositar, pero debido á situación actual hai que virar cara outras oportunidades como son a educación non formal e os labores de xestión nos museos”. Comentou que durante a carreira “obrigámoslles a presentar propostas a institucións e organizar exposicións colectivas para que coñezan a importancia da xestión e da administración”.

Últimos consellos

Estas charlas preprofesionais tiveron o obxectivo “de dar esa perspectiva práctica para que sexan quen de tomar a iniciativa e ser emprendedores”, de aí que unha das intervencións estivera impartida por un economista “quen lles explicou cousas tan básicas como diferenciar unha factura dun albarán ou que trámites e papelorios teñen que facer para montar unha empresa ou converterse en autónomos”. Silvia García aproveitou a clausura das xornadas para aconsellarlles “que viaxen moito, que se dediquen ao que lles gusta, pero sen esperar xa o primeiro soldo, primeiro hai que demostrar o que se vale para que logo chegue o recoñecemento”, concluíu.