DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa charla ofrecida pola profesora Christel Michel, da Universidade de Ravensburg- Weingarten

A xestión de conflitos inaugura o primeiro máster da Facultade de Ciencias da Educación

Aínda permanece aberto o segundo prazo de matrícula, para o que quedan unhas 10 prazas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 25/09/2008

O Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade de Contextos Educativos comezou a súa andaina con forza, abordando a xestión de conflitos na charla inaugural. A encargada da estrea foi a profesora da Universidade de Ravensburg- Weingarten, Christel Michel, que debateu cos alumnos asistentes os diferentes aspectos da mediación e invitounos a coñecer in situ a situación de Alemaña ao respecto.
Pola súa banda, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, amosouse moi satisfeito coa posta en marcha deste novo proxecto da Facultade de Ciencias da Educación. Ademais de congratularse como vicerreitor por esta nova iniciativa da Universidade, Membiela explicou que o que máis lle prace é “ser profesor nun máster que naceu na facultade onde dou clase e que ten unha ampla representación do seu equipo docente”. De feito, e pese a que noutros ámbitos xa existe unha certa tradición de formación de posgrao, “no eido educativo a oferta segue a ser moi escasa polo que cómpre valorar o esforzo que dende o centro e dende a Universidade de Vigo se está a facer na súa posta en marcha”, engadiu. Ao mesmo tempo, apuntou que aínda permanece aberto o segundo prazo de matrícula para aqueles interesados que non puideran formalizala con anterioridade. Este máster súmase aos de Nutrición, Consultoría de Software Libre e Creación, Dirección e Innovación na Empresa como novidades no campus para o novo curso.

O papel da mediación

Christel Michel, profesora de Dereito e Mediación e decana da Facultade de Traballo Social, Saúde e Asistencia Social da Universidade de Ravensburg- Weingarten, completou a súa formación en Harvard. “EEUU é o berce da mediación e foi alí onde me especialicei na xestión de conflitos” explicou. De todos os xeitos, engadiu que a mediación “vén de antigo e sempre houbo culturas como a China que o souberon facer moi ben” aínda que é neste momento cando se está a desenvolver como un método case científico.
A complexidade do tema educativo fai que sexa habitual ter que resolver conflitos dun xeito persistente no tempo, “partindo da idea de que ambas posicións teñen razón e están xustificadas” matizou. A rabia, a ira ou o medo son os sentimentos que caracterizan a estes procesos que xorden cando na interacción “unha persoa sente limitado o seu campo de acción por outra, que lle impide realizar os seus obxectivos”. Michel incidiu tamén en que no traballo social o conflito só existe “se condiciona a acción, aínda que só o sinta unha das partes e a outra non se decate, á marxe incluso de se ten dereito a sentirse así ou non”. O problema pode solucionarse coa axuda de persoas formadas e sobre todo, “falando, porque os conflitos dos que non se fala perpetúanse e medran” concluíu.