DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Só o 15% dos hoteis galegos teñen un plan para afrontar situacións críticas

A xestión de crise no sector turístico, unha materia pendente

O docente Diego Rodríguez-Toubes afondou sobre esta cuestión no XVII Congreso AECIT

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/11/2012

O XVII Congreso Internacional da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo AECIT arrancou este mércores no Concello do Carballiño con arredor de 400 inscritos e un cento de relatorios para escoitar. Entre eles, Diego Rodríguez-Toubes, docente da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, foi convidado a falar da súa área de especialización, a xestión de crise no eido turístico. O profesor puxo en evidencia a falla de previsión do sector hoteleiro galego ante posibles desastres, salientando que só un 15% dos hoteis galegos teñen un plan para afrontar situacións críticas.

“Hai unha serie de eventos, como son os desastres ou as catástrofes, que cando se producen impactan de xeito negativo sobre o turismo. Así aconteceu en Galicia, por exemplo, no caso do afundimento do Prestige ou nos incendios de 2006. Sen embargo, para minguar o impacto destas situacións existen unha serie de elementos como son a elaboración de plans de crise, a formación dos empregados para enfrontar estes episodios, a realización de simulacros ou a consulta de asesores externos”, apunta Rodríguez-Toubes. Para coñecer o uso real destas ferramentas nos hoteis, o docente realizou unha enquisa aos hoteis galegos de tres, catro e cinco estrelas.

Oportunidades e solucións

Das respostas obtidas extrae que só o 15% deles, principalmente os hoteis de cinco estrelas, contan con algún tipo de planificación para afrontar as crises, tanto para superalas con éxito como para aproveitar as oportunidades que poida ofrecer. “A maioría dos consultados salientan a súa boa disposición a realizar unha planificación que lle permita abordar as crises do mellor xeito posible pero logo na práctica non fan efectiva esa vontade”, subliña o docente. O motivo, explica, pode deberse en parte a que habitualmente, e tal e como aconteceu no caso do Prestige e no dos incendios, a caída de turistas só se mantén durante unhas poucas semanas e non persiste no tempo. “A mellor solución sería que un organismo global, como Turgalicia por exemplo, se encargase de realizar esa planificación para situacións de crise, pois individualmente os axentes turísticos non teñen capacidade de facelo”, apunta o experto.

Cunha longa traxectoria no eido da xestión de crises en turismo desde que realizou a súa tese neste tema, Diego Rodríguez-Toubes colabora habitualmente nas actividades que sobre realiza a Organización Mundial de Turismo neste eido e ten realizado numerosas colaboracións con universidades doutros países. Froito desta experiencia, destaca que “para os turistas, por encima da beleza dun sitio, da súa paisaxe, da súa gastronomía e de todo o demais está a percepción de seguridade”, comenta. Como exemplo desta influencia, durante o congreso de AECIT, o docente, que impartiu seminarios na Universidade de Nairobi, tamén estivo convidado a explicar o caso do turismo en Kenya e como diversos eventos violentos e as posteriores recomendacións de organismos de asuntos exteriores de diferentes países sobre a conveniencia de non viaxar ao país africano danaron o seu desenvolvemento turístico.

Con esta participación e doutros destacados investigadores no eido do turismo arrancou este mércores no Auditorio do Carballiño o XVII Congreso Internacional da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo, participando na súa inauguración Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense; José Antonio Fraiz, coordinador do congreso; Juan Ignacio Pulido, presidente de AECIT; Carmen Pita, directora de Turgalicia, e Argimiro Marnotes, alcalde do Carballiño. A cita continuará este xoves e venres.