DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O impacto das redes sociais foi outro dos temas principais abordados na primeira sesión

A xestión de crises centra as I Xornadas de Dirección de Comunicación

Mañá intervirán Fernando Ojea, da CRTVG, e Elba Pedrosa, de Pedrosa Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 14/06/2010

A comunicación non é unha ciencia exacta, pero os asistentes á primeira sesión das I Xornadas de Dirección de Comunicación puideron analizar distintos modelos de gabinetes. Debateron sobre as fórmulas para trazar un bo plan de comunicación, elaborar notas e comunicados de prensa ou organizar un evento comunicativo. O que suscitou un maior interese foi a xestión de situacións de crise e a influencia crecente das redes sociais. Quedou claro que ante todo un director de comunicación ten que ter unha capacidade de reacción rápida. No caso da Web 2.0, os relatores constataron que se está integrando como unha ferramenta máis dos gabinetes e que polo xeral xeran máis información positiva que negativa.
Asistiu á inauguración das xornadas o vicerreitor en funcións do campus, Jesús Hernández, que fixo fincapé na importancia de contar con expertos en activo, “que achegan unha visión máis próxima da realidade laboral, neste tempo en que todo e difuso e os medios están en continua transformación”. Así mesmo, destacou o intercambio propiciado por estas xornadas, “no que os máis novos achegan o maior coñecemento do presente, sempre a expectativa e capaces de reinventar fórmulas”.
Pola súa parte, o profesor Daniel Martí, organizador das xornadas, destacou “a gran oportunidade que supón contar coa presenza de membros de DirCom Galicia”. Insistiu no traballo feito por esta entidade para a consolidación dos profesionais da comunicación dentro das organizacións e asegurou que o actual é o momento das relacións públicas pola existencia de públicos cada vez máis difíciles.

Dende Napoleón á actualidade

O xornalista Felipe Vieira, director da empresa Ideo Comunicación, foi o encargado de impartir a conferencia inaugural, centrada nas claves da comunicación institucional, organizacional e empresarial. Amosou como os gabinetes de comunicación naceron ligados aos poderes políticos e económicos, sendo o primeiro da historia a Oficina da Opinión Pública creada por Napoleón. No eido empresarial citou como pioneiro ao magnate estadounidense Rockefeller, que en 1914 se viu obrigado a xestionar unha crise de imaxe debido a un accidente laboral na súa mina. No caso de España a corporación máis adiantada foi Renfe, que puxo a andar o seu gabinete en 1963. Nesa mesma época naceron os gabinetes municipais, entre outros o do Concello de Santiago.
No tocante á práctica actual, Vieira subliñou que un gabinete ten que ser proactivo. “Hai que xerar información propia e non esperar a que chamen os medios”, formulou. Insistiu tamén na importancia de ter un protocolo de actuación en caso de crise, “pois unha situación dese tipo pode xurdir do modo máis insospeitado”. Aludiu para isto a un decálogo básico: “non mentir, non eludir responsabilidades, non citar terceiros culpables, non ocultar información, non minimizar a gravidade da situación e, ante todo, dar a cara”. En relación con isto, falou do impacto das redes sociais, na súa opinión, “difícil de controlar, que tamén pode xerar mensaxes positivas e que vai mudar completamente o xeito de operar en dez anos”.

Mañá, posicionamento e comunicación social

Afondou na xestión das relacións con medios de comunicación Pedro Linares, director de Europublic, que centrou a súa análise en aspectos como a influencia que acadan determinados xornalistas máis alá das súas cabeceiras, a difusión dos bolgs ou as consecuencias da dilución entre a información e a publicidade.
O debate sobre estes e outros temas continuará mañá coa presenta de Elba Pedrosa, directora de Pedrosa Comunicación, e Fernando Ojea, director de comunicación da CRTVG, que abordarán, respectivamente, as estratexias de comunicación para o posicionamento dunha organización e as principais tendencias na comunicación social. As xornadas pecharán o mércores coas intervencións de Lito García Abad, director de comunicación interna de Caixa Galicia, e Teresa Díaz-Faes, socia-directora de Mundinova.