DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto participaron os directores xerais das Consellerías de Traballo e Innovación e Industria

A xestión da innovación centra o acto inaugural da primeira edición do Máster en Creación, Dirección e Innovación na empresa

O posgrao, co que colaboran numerosas entidades, cubriu xa as 25 prazas que ofertaba

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 01/10/2008

O Máster en Creación, Dirección e Innovación na empresa que hoxe foi inaugurado, nace coa vocación de proporcionar aos futuros xestores de empresas os coñecementos, capacidades e habilidades necesarios para fomentar a competitividade da economía a través da competitividade empresarial. Baixo esta filosofía integra dous ámbitos fondamente relacionados como son a creación e a dirección de empresas e a xestión da innovación tecnolóxica e organizativa. No acto de presentación desta primeira edición do posgrao o director xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato, destacou que nun entorno europeo no que están a fracasar as expectativas de I+D+i ao non converterse en crecemento económico “cómpre deseñar unha estratexia para que os investimentos revertan en empresas que enraícen en Galicia”.
O acto de inauguración do máster que estivo conducido polo vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, contou coas intervencións de Álvaro Ansias, director xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Traballo; Salustiano Mato, director xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria; Francisco Rodríguez, presidente da Confederación Empresarial de Ourense; Jose Carlos Yáñez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e Ana Gueimonde, coordinadora do máster que mostrou a súa satisfacción por ter cubertas as 25 prazas que se ofertaban, antes de pechar o segundo prazo de matrícula. Trala presentación oficial, a lección inaugural do posgrao, O valor de emprender, correu a cargo do catedrático de Organización de Empresas da Universidade de Cádiz, José Ruíz Navarro.

A importancia da creación de empresas en Galicia

Na súa intervención o director xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato incidiu sinalou que “as iniciativas de investigación están lonxe da carteira de inversión dos negocios polo que é fundamental introducir a cultura de innovación na organización das empresas”. Así, este máster “dá un xiro á oferta universitaria formando xente cualificada na dirección e organización empresarial coa inclusión no día a día do concepto de innovación” e permite ademais, facer realidade "un elo máis do ecosistema de innovación co que a Xunta de Galicia, a través do plan INCITE, pon a ciencia e a tecnoloxía ao servizo do progreso” engadiu o director xeral.
Pero a innovación non é posible se non se xeran antes empresas, e Álvaro Ansias, director xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Traballo, recoñeceu o importante papel que xoga o emprendemento para os universitarios “permitíndolles pór en práctica o seu espírito innovador e aproveitar todo o seu potencial”. Ao falar da mocidade como futuros emprendedores “a referencia á universidade é inescusable xa que o desexable é falar dela como xeradora de emprego e non de buscadores de emprego” puntualizou. Tanto é así que a Consellería de Traballo coa colaboración na creación deste máster persegue estimular o espíritu emprendedor e propiciar a permanente cooperación coas universidades galegas “para amosar o mundo empresarial como unha opción atraínte para os estudantes e conseguir así a creación de máis e mellor emprego en Galicia”, concluíu.
Pola súa banda, Francisco Rodríguez, en representación das empresas patrocinadoras do máster expresou o seu orgullo por participar nun proxecto encamiñado “á xeración de empresas e á mellora da súa xestión no que a Universidade convértese nun aliado para traballar de xeito coordinado e superar a tradicional brecha entre o mundo empresarial e académico”. De feito, engadiu que só traballando “cun programa conxunto entre o sector privado, a universidade e a Administración podemos axudar ao crecemento de Galicia” e situou ao máster entre as iniciativas “que formarán o capital humano necesario para lograr a excelencia empresarial”.

O papel da formación de posgrao

O vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez afondou na importancia da formación continua “sen a que é imposible innovar e avanzar e por iso, para adaptarnos ao mercado actual, estamos a mellorar a nosa oferta de posgraos, que en Ourense suma un total de oito en todos os ámbitos de coñecemento”. Na mesma liña, o decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo subliñou que nun marco de innovación educativa coma no que estamos a vivir, “temos a vontade firme de asumir a filosofía de cambio que profesa o EEES e este máster é parte do noso esforzo por facerlle fronte ao reto de Boloña”.
Pero ademais, o contexto tamén está marcado polas fortes transformacións económicas que estamos a vivir, polo que Ana Gueimonde, directora do máster, explicou que a temática responde a que “a xeración de empresas constitúe o primeiro chanzo para promover o crecemento económico e garantir o benestar social, que se realiza dun xeito eficaz grazas á súa óptima dirección e xestión”. Ademais, no entorno de globalización e competencia actual, “a innovación tecnolóxica e organizativa e a calidade deben rexer, de xeito estratéxico e transversal, as empresas para convertelas en motor económico e de benestar” engadiu. Para isto, o papel da formación consiste en xerar “o ambiente propicio para impulsar o progreso acelerado, sostible e equilibrado de Ourense, como centro da Euro-rexión Galicia-Norte de Portugal”. Gueimonde finalizou a súa intervención agradecendo a colaboración das Consellerías de Traballo e Innovación e Industria, a Confederación de Empresarios de Ourense, a Asociación Empresarial de San Cibrao das Viñas, o Parque Tecnolóxico de Galicia, aos patrocinadores Grupo Pérez Rumbao, Grupo Cuevas, Grupo Hispamoldes, Copasa e a Fundación Eulogio Gómez Franqueira, sen as que dixo "non sería posible pór en marcha o posgrao". Ademais, tamén subliñou o papel que Caixa Galicia xoga nel premiando ao mellor proxecto empresarial que se desenvolva no máster cun niño na Tecnópole.